publicidade hoxe

Zoadeira redonda

zoadeira-redondaEn Galicia tamén é coñecido con outros nomes, por exemplo, zoador, zumbador, funga-gatos, fungona, funga, bramadeira, ruxideira, cernidoira, furrungadeira, rombeta, roncha, zoa, …

Por España é coñecido como zumbador de botón ou bramadera. En Catalunya, denominábano brunzidor. Nas Illes Balears chamábanlle brunyidor e era considerado como un elemento de comunicación cos espíritos para provocar o crecemento dos vexetais, pois o seu zunido espertaba os devanditos vexetais.En Asturies, bufa el gatu. En Euzkadi, furruna, ferrela, zumbadera,que facían moitas veces cunha caixa do betume, machacada, e con dous buratos no centro. En Italia denominábano il frullino, roundela ou rotella vibrante,aínda que hai quen lle chama o xogo de tira e molla. En Sicilia, lulapuni. En Francia era coñecido como  coupeur d´air e tamén moulinette, mesmo podíano facer cunha carabuña dun alberche.En Portugal ten moitos nomes,aínda que varía en función das formas e dos materiais empregados, segundo nos indica Joao Amado: fungadeira, funga-gatos, bufagatos,zangao,zorra, azona, azungona, balhadeira, chilra, zingarrilha, balhadeira, zinadeira. En Inglaterra e EE.UU. coñécena como buzzsaw, pola súa forma de serra dentada que fai un zunido ao axitala, probablemente o material utilizado fose unha rodiña de madeira, dentada. Fong ché, en China; nakatomwa en Moçambique; Corrupio en Brasil. En definitiva, é unha argallada universal, xa coñecida na Grecia Antiga como rhombus, aínda que hoxe denomínano Τοκουμπι, o botón.

ASÍ SE FAI

material-zoadeira-redondaMATERIAL: unha táboa de madeira duns 15 cm de longo, uns 8 cm de ancho e medio centímetro de grosor, ou menos; un cordel de 1,20 m, aproximadamente; unha navalla e un tarabelo. Tamén podemos empregar un compás para marcar o círculo e un lapis.

TEMPO:Entre media hora e tres cuartos, aproximadamente.

ESTACIÓN:Calquera época do ano.

zoadeira-redonda-paso1 zoadeira-redonda-paso2 zoadeira-redonda-paso3 zoadeira-redonda-paso4 zoadeira-redonda-paso5

Comezamos por trazar, nun extremo da táboa, un círculo aproveitando toda a anchura da mesma. A seguir podemos marcar os dentes triangulares co lapis. Comezamos por recortar o círculo todo ao redor coa navalla. Unha vez que xa teñamos esa rodiña, podemos empezar a facerlle os dentes equidistante todo arredor, tratando de facelos o máis iguais posible, para que xire sen dar golpes. A continuación, co tarabelo, facémoslle dous buratiños na liña central radial, separados dous centímetros entre eles e 3 cm da curva da circunferencia. Deseguido, enfiamos o cordel por un dos buratos e logo plo outro, ata atar os dous extremos. Quedaríanos a rodiña no centro do cordel e só cumpriría darlle voltas, agarrándoo por cada un dos extremos e xirando nun sentido. Tensamos e destensamos o cordel eeste, ao tensar e destensar, enrólase sobre si mesmo. Daquela, a roda de madeira dará voltas nas dúas direccións, producindo un zunido importante.

zoadeira-redonda-paso6 zoadeira-redonda-paso7 zoadeira-redonda-paso8 zoadeira-redonda-paso9 zoadeira-redonda

 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 6 de Febreiro do 2017 | 7:09 p.m.

Outros temas de Picaraxadas