publicidade hoxe

Violín de castiñeiro

castineirosO castiñeiro é para a flora o que é o porco para a fauna de noso: aprovéitaselles todo. Desta árbore, que tan ben se acostumou entre nós dende hai milleiros de anos, extráese un grande número de xoguetes tradicionais, tanto sonoros (xipro, pipa, palleta, gaita, asubío, violín, …) coma de adorno e complementos (chapeu de follas, boinas, vestidos, cintos, pucho de recandeo, coroa, colares de castañas,…) ou animais e aveños de labranza (lagarto de recandeo, moneco de castañas, carro de castañas, …). Neste caso presente é un dos sonoros e festeiros. Non podía ser menos, dado o noso carácter de troula e baile, xa herdado dos nosos antepasados.

En Galicia tamén pode recibir, este argallo musical, outras denominacións. Deste xeito atopamos tamén pínfano, chínfano ou chífano, dependendo das zonas. En palabras de Pablo Carpintero, “este instrumento era moi propio das Terras de Trives e Viana (Ourense).Estes sinxelos instrumentos musicais, denominados frautas de harmónicos, foron descubertos para a ciencia hai ben pouco pois pola súa sinxeleza pasaban desapercibidos. Agora sábese que aparecen en numerosas culturas baixo formas sorprendentes como as enormes frautas dos espíritos de Nova Guinea de máis dun metro e medio de lonxitude executadas por pares por diferentes músicos. En Europa están documentadas a tilinca en Romanía e a seljefløyte en Noruega, fabricada esta con codia de salgueiro e tocada de xeito transversal igual que o noso violín de castiñeiro”.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha poliña nova de castiñeiro duns 40 cm de longo por 2 cm de grosor e unha navalla.

TEMPO: Unha media hora ou menos.

ESTACIÓN: Finais da primavera e verán.

violin-de-castineiro-paso-1
violin-de-castineiro-paso-2
violin-de-castineiro-paso-3
violin-de-castineiro-paso-4
violin-de-castineiro-paso-5

Despois de escollermos unha vara dun rebento de castiñeiro, das medidas antes descritas, procedemos a facerlle dous buratos, un deles a xeito de bisel e a uns 10 cm da parte máis ancha da vara, ao tempo que tamén lle facemos un corte na pel ao redor, nese mesmo lugar. A uns 8 cm deste, facemos outro buratiño na casca, ben redondiño. A continuación, a partir do corte en redondo e cara aos buratos, frotamos lonxitudinalmente o resto da casca coas cachas da navalla, ata que se  desprenda da madeira. Para que quede solta da madeira, cunha man agarramos a vara pola parte non manipulada e, coa outra, dámoslle un xiro e tiramos por ela. Observamos que sae un tubiño perfecto e fica a vara coa madeira ao descuberto. Cortamos a vara de madeira descuberta á altura do burato redondo e, a partir deste punto, rebaixamos en forma de cuña cara atrás, onde remata un corte transversal a carón da zona de casca. Finalmente, montamos o tubo de casca na madeira rebaixada.

Segundo Pablo Carpintero, este instrumento parécese algo a un xipro no xeito de fabricalo, no tamaño e no xeito de producir o son mediante un bisel, pero non leva furados para os dedos, e o seu aspecto e xeito de tocalo difiren totalmente dun xipro, xa que o taco de madeira que se emprega para facer o aeroduto que leva o aire cara ao bisel mantense no mesmo anaco de póla do que se fai, de xeito que non é posible introducir a parte superior desta frauta na boca. Deste xeito, nestes violíns soprábase de lado, como nunha frauta traveseira, pero dispoñendo os beizos ao redor do furado que comunica co aeroduto. O lado distal dos violíns de castiñeiro ía aberto e obturábase ou non co dedo índice da man dereita, de xeito que, dependendo da forza do sopro e de se este furado estaba ou non tapado, podíanse obter varios sons, correspondentes aos catro primeiros harmónicos da nota fundamental do tubo aberto e do pechado. Deste xeito, o violín de castiñeiro dispoñía de oito notas diferentes coas que se compón unha escala diatónica, podendo polo tanto tocar calquera melodía.

violin-de-castineiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 6 de Xullo do 2016 | 12:35 p.m.

Outros temas de Picaraxadas