Espada de Piñeiro
Unha vella cun só dente que anda matando xente, así era coñecida na sabedoría popular a espada de piñeiro. Xa tiña sona dabondo este utensilio de defensa dentro dos xogos habituais dos nenos. Puideron ter influído os contos e as lendas que nas noites de inverno eran contadas e recreadas á beira das nosas lareiras polos nosos avós e avoas. Isto facía voar a imaxinación dos pequerrechiños da casa. Polas súas cabezas pasaron o cabaleiro Roldán, as aventuras de Carlomagno, os romanos no mítico monte Medulio, o apóstolo Santiago, o Cid, entre outros, e máis recentemente grazas á Literatura, aparecen os famosos Tres mosqueteiros de Alexandre Dumas. Os rapazolos saían aos montes, aos outeiros, ás eiras, prados ou camiños e convertíanse por momentos en todos eses personaxes ou en soldados anónimos que algún día loitaron nos seus exércitos. Remataban os combates suorentos e cheos de po, mais coas ganas de repetir outra batalla noutro momento de lecer.
Este xoguete xa está constatado, por achados arqueolóxicos e por iconografías, na época romana e na etapa medieval. Era común tamén feita de madeira en Portugal e
noutros lugares. En Cataluña chamábase espasa de fusta, aínda que tamén era moi común facer sabres de cana, sabre de canya. O mesmo acontecía nas Illas Baleares que á aparte de facelas de madeira tamén abundaban as de cana. Na Bretaña francesa adoitábanse facer sabres e espadas de salgueiro, épée de saule e sabre de saule.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha punta dun Piñeiro seco e unha navalla.
TEMPO: 10 minutos.
ESTACIÓN: Todo o ano.
Despois de procurar e atopar un piñeiro seco e novo, cortábase a uns 15 cm da última ramificación, evidentemente pola parte de abaixo. Deseguido, cortábaselle a punta e afiábase un pouquiño, para darlle un parecido máis real á futura espada. A continuación córtanse esas últimas ramificacións, deixándolles uns 5 cm do tronco central. Na parte de abaixo destas devanditas ramificacións, que servían de protección para a man, quedaba a empuñadura duns 10 cm. Xa estaba así feita a espada, aínda que, sempre dependendo da imaxinación, da maña ou da présa, podíaselle engadir ou realizar adornos na empuñadura, nas ramificacións ou no mesmo fío.


Unha vella cun só dente que anda matando xente, así era coñecida na sabedoría popular a espada de piñeiro.













