publicidade hoxe

Gorro de xunco

xuncos

Tapar, hai que taparse. Protexerse, hai que protexerse. Os gorros, os sombreiros, chapeus, boinas, gorras naceron para iso. Uns dunha maneira e outros, doutra. Cando os nenos xogaban en contacto coa natureza e para pasaren o tempo, mesmo mentres reparaban do gando naqueles prados húmidos ou situados preto dos regos, xurdía este gorro de xunco. Mentres o confeccionaban, xa era argallar, pasar o tempo facendo un invento. Podía facerse para darlle máis prestancia a un futuro combate de espadachíns con espadas de piñeiro ou mesmo para realizaren un acto máis solemne, froito da súa inesgotable imaxinación. Ao ser unha planta moi flexible, préstase estupendamente para realizar este tipo de brinquedos. Nalgúns lugares de Galicia xunco tamén recibe os nomes de xunca ou xungo.

Este gorro de xunco tamén se coñece en Galicia co nome de chapeu de xunco. Este último nome, chapéu de junco ou carapuço de junco, tamén aparece en Portugal. Xa no famoso cadro de Brueghel O Vello, “Os xogos infantís” do 1560 aparece este gorro de xunco nalgunha cabeza dos nenos, co cal, na zona flamenga da actual Bélxica, era coñecido este enredo. Tamén o era na Bretaña francesa, co nome de chapeau en jonc. Todas as referencias existentes falan dun gorro bicudo, cónico coma o que hoxe se describe aquí.

ASÍ SE FAI

gorro-xunco-paso-1MATERIAL: Unha grande presada de xuncos, máis ou menos igualados.

ESTACIÓN: Primavera.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Sobre unha hora, aproximadamente.

gorro-xunco-paso-2 gorro-xunco-paso-3 gorro-xunco-paso-4 gorro-xunco-paso-5

É moi importante facelo na primavera porque nesta época aínda non teñen flor e, polo tanto, rompen moitísimo menos. Isto non quere dicir que noutras épocas do ano non se poida facer, pero, iso si, acharemos algunha dificultade maior para a súa maleabilidade. Comezamos por facer un aro cun xunco, entrelazándoo sobre si mesmo. Este aro debe ter un diámetro igual ao da nosa cabeza ou á de quen sexa destinado este gorro. Imos incorporándolle xuncos a este aro inicial, empregando o mesmo sistema de entrelazado. Non debemos pór moitos porque, cantos máis leve, máis non pesará derriba da cabeza. Con leven uns 6, poden ser máis que suficientes. Comezamos a colocar os xuncos de pé.

gorro-xunco-paso-6 gorro-xunco-paso-7 gorro-xunco-paso-8 gorro-xunco-final

Daquela, collemos o primeiro xunco pola parte de fóra do aro, dobrámolo pola parte interior, pasámolo por encima do propio xunco e, o restante, deixámolo paralelo ao aro. A seguir facemos o mesmo con outro, por derriba do restante, que xa nos quedará apertado. Debemos repetir este proceso ata darlle a volta enteira ao aro, pero cando esteamos chegando ao que colocamos ao comezo, debemos ir sometendo a base do xunco por dentro do lazo do primeiro e seguintes ata onde nos chegue o xunco sobrante. Deste xeito, nunca se saberá onde comezou o proceso e ficarán todos ben apertadiños e seguros. Finalmente, xuntamos todas as puntas e atámolas á altura que queiramos con outro xunco. Ao rematar, cortamos as puntas sobrantes e xa estariamos en disposición de colocármolo na cabeza e campar con el.

gorro-xunco-final

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 5 de Maio do 2015 | 11:51 a.m.

Outros temas de Picaraxadas