publicidade hoxe

Ioió de carrete de fío

maquina-coserSegundo se pode observar nalgunhas cerámicas conservadas no Steatsliche Museum de Berlín, nas que se representa un neno xogando cun ioió, certifica que este xoguete era coñecido en Grecia sobre ano 500 a. C. Dende aquí foise esparexendo a outros lugares do mundo. Semella que estivo en desuso bastante tempo, pero que despois se recuperou no século XVIII e mesmo os soldados de Napoleón empregábano como divertimento entre batalla e batalla.

En España é coñecido como yo-yó,aínda que era máis común un feito con dous botóns grandes. Porén, en Francia era ben coñecido co nome de le yoyo en bobine de fil. Nas Illes Balears tamén existía, á parte do de botóns, como en Galicia, este de carrete e denominábano ioiode rodets de fil.

ASÍ SE FAI

ioio-carrete-fio-materialMATERIAL: un carrete de fío, un pau de 1 cm de groso e fío fino e resistente.

TEMPO: 45 minutos.

ESTACIÓN: inverno ou cando teñamos o carrete á man e nos apeteza facelo.

ioio-carrete-fio-paso-2

Temos que facer dúas rodas co carrete. Deste xeito, cortamos coa navalla a rentes das dúas rodiñas e rexeitamos o eixo. A seguir, temos que facer un pauciño que nos entre xusto polos buratos das rodas. Primeiro introducimos unha coa cara plana para o interior. Para suxeitarmos o fío, colocámolo paralelo ao eixo e logo tratamos de introducir a outra roda, tamén coa cara plana cara a dentro. Imos empurrando unha contra a outra ata deixalas aproximadas a uns 2 mm. Para empuxalas, poñemos cara abaixo a que colocamos ao comezo e imos pasando a outra ata que fiquen a esa distancia, nomeada anteriormente. Finalmente, cortamos a parte sobrante do eixo e enrolamos uns 80 cm de fío ao redor do eixo interno, deixando sempre unha pequena ansela no extremo, para meter o dedo ao accionalo. Non é moi doado o seu manexo, por mor do pouco seu peso.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 22 de Decembro do 2014 | 7:59 p.m.

Outros temas de Picaraxadas