publicidade hoxe

Castañolas de nabo

nabosQue será unha cousa, cousexa, que ten o rabo na cabeza? Así nos aparece esta materia prima na cultura popular en forma de adiviña. Este instrumento, parece ser que é antiquísimo, tal como comenta P. Carpintero, apoiándose en C. Sachs. Segundo estes estudosos, semella que as castañolas xa existían hai 6000 anos en Exipto, pero tamén eran coñecidas polos habitantes da Grecia Antiga e os fenicios. Eran empregadas, a nivel popular, polos que danzaban en festas, foliadas e fiadeiros. Dende logo que non pasaron tampouco desapercibidas á vista dos máis miúdos, nin polo seu son nin pola súa forma. Habitualmente eran realizadas en materiais provenientes de madeiras nobres e duras, coma a nogueira, sanguiño, buxo, ébano, teixo, uz,… e adoitaban facelas os propios que as tocaban na danza, aínda que tamén certos zoqueiros tiveron algo que dicir neste tema. Evidentemente, os nenos non eran capaces de chegar a esta perfección e substituíron estes materiais por outros non tan afamados, pero si doados de traballar, coma o nabo.

Recibe moitos nomes á parte de castañolas, como por exemplo castañetas, aludindo, probablemente, á súa forma inicial semellante a unha castaña. Fóra de Galicia, tense escoitado en Asturies, castañueles, terrañueles; en Cataluña, esclafidors, castanyoles; nas Illes Balears, coñecíanas porcastanyetes, e facíanas de cana;Valencia, postizas; en Aragón, jotaneos ou pulgaretes; en Canarias, chácaras; en Euzkadi, krisket, kriskeitin, trisketa, triska; en xeral, polo Estado Español, denomínase castañuelas, aínda que ten aparecido o de tejoletas en O Quixote, aludindo, se cadra, ao material en que estaban feitas, a tella. En Portugal, castanholas. En Francia, castagnettes. En Italia, nacchere. En Marrocos e Alxeria, chámanlles karkeb ou garagab. En fin, que eran moi coñecidas en todos os países ou estados que lindan co Mediterráneo.

ASÍ SE FAI

naboMATERIAL: Un nabo cunha cachola como é debido e unha navalla.

ESTACIÓN: Inverno.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Un cuarto de hora.

castanolas-de-nabo-paso-1
castanolas-de-nabo-paso-2
castanolas-de-nabo-paso-3

Seleccionamos un nabo dunha cachola ben grande e redondiña, que xa estea ben formado, é dicir, cunhas boas nabizas e mellor grelo.

Quitámoslle as follas e as raíces da cachola, pero deixámoslle un grelo duns 15 cm. Realizado isto, con xeito, fendemos a cachola ao medio, incluíndo uns 3 cm do propio grelo. A continuación, procedemos ao baleirado de ambas partes da cachola, deixando unhas paredes de un cm de espesor.

Canta máis caixa de resonancia teña, moito mellor soará. Para manipulalo, temos que agarrar o nabo polo grelo, que resulta coma un mango, apoiando o dedo polgar pola parte de arriba entre o grelo e o nabo, pois así axudaranos a frealo cando a cachola se abra e non nos romperá.

castanolas-de-nabo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 3 de Febreiro do 2015 | 12:09 p.m.

Outros temas de Picaraxadas