publicidade hoxe

Carreta

No inverno, que é cando máis consistencia teñen as canas, é o tempo de facer nas viñas. Hai que ir logo cortar nas canas para poñerllas atravesadas para poder atalas. Aproveitaban os cativos para pillar aquela cana máis xeitosa para poder facer este trebello e logo exercitarse con ela todos os días que podían. Alí, nalgún recuncho da eira, tíñana aparcada para empregala para ir buscar calquera cousa á tenda. Voaban nela e o recado facíase con máis pracer e rapidez, sen gastos engadidos de combustible.

Este mesmo enredo pode atoparse nalgunhas zonas de Galicia como andacamiños ou tacatá. En Portugal é coñecido por carrula, carreta, curre-curre ou carro de cana de roda dentada, pois moitas veces facíanlle uns dentes á roda para que se agarrase mellor. No País Vasco denominábana gurpila.

ASÍ SE FAI

carreta-materialMATERIAL: Unha cana do país dun metro e medio de longo, o máis gorda posible; outra cana máis delgada duns 50 cm de longo, un toro de piñeiro de 1´5 cm de espesor e uns 20 cm de diámetro, un pau duns 6 cm de longo e 1 cm de ancho e unha navalla.

TEMPO: Unha hora e media.

ESTACIÓN: Calquera época é boa, mais é mellor no inverno porque as canas están máis duras.

carreta-paso-1
carreta-paso-2
carreta-paso-3
carreta-paso-4
carreta-paso-5

Imos comezar por facer a roda. A partir dun toro de piñeiro, temos que facer unha roda de 20 cm de diámetro e uns 1´5 cm de ancho. Para o conseguirmos, ou ben imos a un aserradeiro ou o facemos nós na casa cun tronzador, ao estilo antigo e tradicional, ou coa motoserra. O caso é que nos saia o corte ben dereitiño para que a roda non roce nos laterais e ademais non abanee ao rodar. Outra opción é facer unha roda sobre unha táboa, cunha serra curva. Para marcar a circunferencia da roda, podemos construír un compás caseiro, pero moi eficiente, que consiste en cravarlle a un pau delgado unha punta e a uns 10 cm, espetarlle outra. Daquela, fixamos unha no suposto centro e, ao tempo que xiramos xa, a outra, vai marcando a liña por onde deberemos cortar. Agora collemos a cana gorda de metro e medio e, na parte máis ancha de abaixo, cortámola en redondo xusto por debaixo dun nó, pois así quedará máis seguro e non esgazará ao meterlle o eixo. A continuación, a uns 3 cm do extremo de abaixo, facémoslle dous buratos duns 12 mm por cadanseu lado. Para elaboralos, debemos de quitarlle un anaco coa navalla en forma de bisel, un fronte ao outro. Así levantámoslle esa capa verde e dura. A seguir, perforamos coa punta ese lugar e imos axeitando o oco, sacándolle bocadiños circularmente. Logo realizamos o mesmo polo lado oposto. Perpendicular a estes buratos temos que facer unha fenda dende abaixo. Para isto, a uns 15 cm dende a punta facémoslle un pequeno corte en forma de uve. Nese lugar, espetámoslle a punta da navalla e abrimos un corte un pouco máis ancho cá roda. Posto que a cana fende con gran facilidade, agora debemos chantarlle a punta perpendicular ao corte que acabamos de facer e tirar cara ao extremo de abaixo. Acabado isto, repetimos a mesma acción polo outro lado. Así xa teriamos feito o encaixe da roda. Aproveitando o corazón do piñeiro quitámosllo coa navalla. Neste oco é onde debemos introducir o eixo de 6 cm, co cal ten que quedar moi xusto para que a roda non abanee. Metemos entón a roda no encaixe da cana e introducimos o eixo polos buratos da can e mais polo da roda. Xa estaría encaixado o conxunto. Só nos falta encaixar o guiadoiro. Daquela, a uns 80 cm do eixo da roda facémoslle un burato perpendicular á roda, da mesma maneira ca fixeramos os do eixo e introducimos a cana centrada duns 50 cm. Apoiamos a cana no ombreiro, agarramos o guiadoiro coas dúas mans e botamos a correr.

carreta

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 21 de Xullo do 2014 | 7:34 p.m.

Outros temas de Picaraxadas