publicidade hoxe

Brincapalletas

brincapalletas-con-bugalloEra o tempo da sega. Chegada a metade do mes de xullo, que moitos chaman Santiago ou o mes da sega, é o momento de comezaren a facer este invento tan simpático. Pola mañá ben cedo, ao riscar o día, pola fresca, saían homes e mulleres aos campos de trigo, aveas, centeo ou cebada para comezar co duro traballo de segar o cereal e ir deixándoo estendido en gavilleiros ao longo da leira. Xa ficaba cómodo así aliñado para, pasados dous días, ir atalo e deixalo en monllos que logo se colocaban en medeiros, alí mesmo, agardando a seren levados para as eiras de cada casa e logo facer as medas. De aquí, comezando polo curuto, baixaban días despois para o eirado e ser mallados a golpe de mallo, ata que soltaban todo o gran. Moitos nenos, cando acudían cos seus pais e nais ás leiras para facer este labor, como non podían segar por medo a se cortaren, enredaban coas navallas e fabricaban estes aparellos para pasaren o tempo e demostraren a súa habilidade.

Este brinquedo é bastante coñecido en todo o mundo, aínda que poden, evidentemente, cambiar os materiais utilizados na súa elaboración. En Portugal era coñecido por salta-palhinhas, bugalho voador ou conta. Neste país veciño, igual ca en Francia, onde se denominaba le pois valseur (metíanlle unha especie de pauciño estreito e fino coma unha espiña, cravado ao bugallo, para que se dirixise mellor), tamén existía outro brincapalletas que funcionaba de xeito horizontal. Só tiñan que deixarlle nun extremo un nó á palla e aí facerlle un buratiño, para que saíse o aire e lle soprase ao bugallo, unha vez colocado nese lugar. Este mesmo aparello tamén podía ser construído en cana. En Italia aparece como balla-balla ou pipa dell vento.

ASÍ SE FAI

Material para crear o brinapalletas

MATERIAL:Un anaco de palla dun cereal, principalmente de avea, aínda que tamén trigo ou cebada; uns bugalliños pequenos de carballo, lorbagas, carabuñas pequerrechas… e unha navalla.

TEMPO:10 minutos.

ESTACIÓN:Verán.

 Ao faltarlle pouco ao cereal para ser colleitado, é dicir, cando xa estaba maduro e seca a palla, aproveitaban para confeccionar esta argallada e así demostrar quen tiña máis pericia e habilidade para bailar a boliña ou facerlle brincar, de aí o seu nome de brincapalletas. Tiñan que procurar primeiro unha palla de avea, sobre todo, porque era máis ancha e tiña un cano mellor para soprar. Logo, cortaban un anaco entre dous nós e sacábanllos coa navalla. Xa nos quedaría así un tubo, perfectamente comunicado. A continuación, facíanlle nun dos extremos, dous cortes perpendiculares duns 2 cm. Abríanse unha miguiña para que quedase ese tubo coa forma dun funil e xa estaba preparada a argallada. Teriamos agora que procurar uns bugalliños de carballo, que son moi lixeiros, dunha medida que non superase a cunca feita na palla. De non atoparmos estes bugallos, podemos substituílos por lorbagas de loureiro ou pequenas carabuñas de cereixa ou guinda. Aínda que tamén se pode empregar un garavanzo ou unha semente de trigo, sempre dependendo do grosor da palla. O xogo consistía en botar unha desas boliñas entre esas gallas e, ao soprar polo outro extremo e mantendo verticalmente a palla, acontece que esa devandita boliña baila, brinca e chouta impulsada polo aire. Conforme sopremos, máis ou menos, sobe ou descende como quixermos, mais tamén a podemos manter no aire se o noso sopro é constante.

Chegaban a facer competicións para ver quen aguantaba máis tempo brincando a boliña sen que lle caese no chan.

brincapalletas-paso-1 brincapalletas-paso-2 brincapalletas-con-bugallo
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 14 de Xullo do 2014 | 7:49 p.m.

Outros temas de Picaraxadas