publicidade hoxe

Chichón de cana

Chichón de canaMATERIAL:Un tubo de cana de entre 15 ou 20 cm de longo e de entre 1´5 e 2´5 cm de ancho, un pau recto de salgueiro duns 25 ou 30 cm e do mesmo espesor cá cana, unha pouca de la, unha agulla e unha navalla.

TEMPO:45 minutos.

ESTACIÓN:Inverno.

Se algo lles gusta aos nenos é mollarse coma pitos. Non hai máis que ver como cando se ía á escola, sobre todo no rural, e malia os avisos e ameazas dos pais de que non nos meteramos nas poceiras nin nas lameiras, o primeiro que adoitabamos facer era, precisamente, o que de antemán se nos tiña prohibido, meternos no medio e medio da auga ata que nos chapuzabamos de pés a cabeza. Daquela, cando chegamos á escola, o mestre ou mestra, vendo o noso estado calamitoso, declinaba por deixarnos achegar á color que desprendía aquela estufa de butano, ata que os pantalóns nos ficaban tesos coma paus, pero quentiños. Pois estes mesmos devezos de mollarse xurdían pola época do antroido cando, amparados pola careta do seu disfrace, animábanse a mollar á xente que atopaban e a eles mesmos. Nalgúns lugares de Galicia aproveitaban estes momentos cando se botaban fariña uns aos outros. Aínda que adoitaban a realizar isto no antroido, non era tampouco o único momento, pois tamén no verán e cando a molladura se gorenta máis, recollían o seu cichón e volvían á acción. O caso era pasalo ben.

En Galicia tamén recibe o nome de ciscón, cichote, chicrón ou mesmo xiringa. Nas Illas Baleares, denomínano, igualmente, xiringa de canya. En Cataluña, falaban del como ruixac. En Aragón, chiringa. En Portugal era coñecido como seringa e zicho e que se utilizaba moito no Entroido. En Francia, chamábanlle pistolet à eau e na Bretaña, la glicoire e mesmo lle poñían un botón para esparexer a auga.

ASÍ SE FAI
Chichón de canaChichón de canaChichón de cana Chichón de canaChichón de canaChichón de cana

Cortamos un tubo de cana duns 15 ou 20 cm e deixámoslle un só nó por un extremo. Marcamos no pau de salgueiro a medida do tubo, agás o nó. Rebaixámoslle esa parte ao pau ata que entre perfectamente no tubo de cana. Logo, a 1 cm da punta, facémoslle un rebaixe ao devandito pau, de 2 cm de longo e 1 mm de fondo todo ao redor. Neste rebaixe temos que envolver o fío de la, ben apertado ata que entre ben xusto polo tubo. Para fixala ben, podemos deixarlle unha punta do extremo do fío duns 3 cm para, ao final, atar os dous extremos. Agora é o momento de facerlle coa agulla un furadiño, centrado no medio do nó do tubo, que é por onde sairá a auga xiringada. Para accionala, introducimos a baqueta no tubo ata o mango e metémolo en auga, ben sexa poceira, lavadoiro, rego, fonte, vaso, xerra,…, e tiramos para atrás pola baqueta ata que encha de auga o tubo. Finalmente, para xiringar, volvemos empurrar a baqueta. Podemos racionar o cargamento se queremos aproveitala para mollar a alguén na ocasión que nos apeteza.

Chichón de cana

 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 27 de Febreiro do 2014 | 12:01 p.m.

Outros temas de Picaraxadas