Colar de margaridas
Este costume de adornarse para campar máis xa vén moi de vello. Xa as culturas primitivas empregaban todo tipo de adornos para estaren máis fermosos e distinguirse diante dos seres da súa mesma especie. Sobre todo adoitaban realizar estas prácticas as xentes vinculadas co mundo agrario e moitas veces adobiábanse con todo tipo de flores e plantas e cores sacados delas, por mor dalgún culto agrario, como por exemplo a chegada da primavera con todo o que iso significaba e significa. Non se reparaba moito no tipo de flor, aínda que dependía da zona e da época do ano para escoller unha ou outra clase de flor ou planta. Mais, como di o refrán: “Flores en outono, fame en ano novo”. O normal é que a maioría das flores xuran en primavera ou no verán. Tamén dependendo da forma e cor, podía ser utilizada para colar, coroa, pendentes, brazaletes ou cintos. Esta práctica lúdica entre os máis novos é coñecida en toda Europa e por suposto en todo o mundo. En Cataluña, por exemplo, facían colares (collar, collaret) e brazaletes para brazos e nocellos de diferentes tipos de flores. En Portugal son moi coñecidos por todo o país os colares de macela, de dente de leao, argolas e colares de agulhas de pinheiro, de bolinhas de gilbardeira. En Francia acontecía o mesmo, pois tamén realizaban o collier en aiguilles de pin (colar de agullas de piñeiro), collier en chatons de chátaignier (colar de recandeo de castiñeiro) ou os colliers en fruits (colares de todo tipo de froitos, castañas, piñas dos cipreses, boliñas dos ameneiros, das cúpulas das landras, …) e, por suposto, das máis variadas flores, aínda que as máis socorridas son as margaridas. En Francia, por exemplo, eran moi empregadas para facer trenzas (tresses de marguerites), coroas (couronnes de marguerites) ou guirnaldas (guirlandes), para decorar a mesa, que a miúdo mesturaban con outras flores, talos e plantas para formar as guirlandes fleuries.
ASÍ SE FAI
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Antes de poñernos ao asunto da realización do devandito colar, debemos procurar un prado ou campelo cheo destas flores. Trataremos de apañar unhas cantas presas delas, sempre coidando de que o rabo ou pecíolo estea enteiro, ou cando menos, que teña a máxima largura posible, para o futuro enrestrado. Unha vez feita a escolla necesaria, sempre tentando de que non estean murchas, partidas ou, mesmo, con falta de pétalos, comezamos o proceso de enrestrado. Collemos tres flores, dúas delas poñémolas paralelas e á outra dámoslle a volta co pecíolo ao redor das outras e o sobrante metémolo polo medio, para que fiquen todas unidas. A seguir, incorporamos outra no medio dos dous pecíolos e así sucesivamente. A medida que imos trenzando, sempre nos queda algún pecíolo que non nos fai falla para seguir enleando os sucesivos, porque ao ter xa algunha volta dada, engrosaríanos o colar. Por isto, temos que ir recortando eses que foron quedando sen o trenzado, para que, ao rematarmos o traballo, nos quede un colar homoxéneo. Ao final, anoamos as últimas flores para que quede redondo. Xa estamos preparados para colocarmos o colar ao pescozo. Nin que dicir ten que debemos enrestrar tantas flores como nos faga falta para que nos caiba pola cabeza. Deste mesmo xeito tamén podemos facer pulseiras ou coroas.