publicidade hoxe

Machucamoras

morasAs silveiras non foron creadas só para facer mal nin seren, por este motivo, repudiadas por todo o mundo. Cantos balóns e pelotas de goma se teñen desinchado pola súa culpa ao atoparen inocentemente con algunha das súas asasinas espiñas. Outras veces non lles abondaba con pinchalas senón que se quedaban con eles para o resto dos días sen que ningún dos contrariados xogadores puidese facer nada polo seu rescate. Coñecidas eran tamén pola súa capacidade para rabuñar as peles de homes e mulleres que ían rozar esa estrume polos valados dos prados e polas roturas de medias, pantalóns e chaquetas e xerseis de la, cando as tiñan que cargar nos chedeiros dos carros, para levárenas para as cortes e currais para obter o prezado esterco que adobiase as terras de cultivo. Pero non todo ía ser negativo nestas plantas enredadeiras, pois existe a crenza popular de que eran medio sagradas porque se cría que foron as que sostiveron o manto de Cristo cando o cravaron na cruz. Verdade ou non, o caso é que teñen uns froitos que, collidos no seu tempo, son moi saborosos. Os nenos e nenas, por este motivo, andado o verán, saían conxuntamente á procura destas moras para dulcificar a súa existencia e repoñer doces para o seu corpo, que tanto devecía por eles por mor da ausencia de caramelos.

Non se ten constancia de que se fixese este trebello noutros lugares, aínda que é de supoñer que onde existe este material, Cataluña ou Illas Baleares, puidese ter existido tal invento.

ASÍ SE FAI

canas-para-machucamorasMATERIAL: Unha cana de 40 cm de longo e 1.5 cm de grosor (rematada en nó), unha cana de 20 cm de longo e 2 cm de grosor e unha navalla.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Verán.

machucamoras-paso-1
machucamoras-paso-2
machucamoras-paso-3

Collemos o tubo de cana de 20 cm, rematado nun nó, e facémoslle un corte en forma de uve de medio centímetro, cerca dese nó. A continuación, collemos o outro tubo, tamén rematado en nó, e tratamos de probar a ver se entra como é debido, senón debemos sacarlle coa navalla aquilo que nos sobre pola beira dos nós. Unha vez conseguido isto, xa nos podemos botar polas silveiras para apañar as moras ben maduriñas, preferentemente lonxe de camiños transitados, para evitar que estivesen cheas de po. De non ser posible, é aconsellable lavalas antes nunha fonte próxima ou billa caseira, para que estean ben frescas. Obtido este material, imos introducíndoas pola boca do tubo pequeno e puxamos nelas co grande, ata que, ao se machucaren, vaia saíndo o seu zume polo buratiño feito a carón do nó. Nós só temos que achegalo á boca e zugar nel ata acadar o pracenteiro sabor que nos deixa a acción realizada. Existía unha variante que consistía só nun tubo de cana, sen burato ningún para zugar, senón coa soa abertura por un lado. Introducíanselle as moras e machucábanse cunha baqueta de cana máis estreita ou con outro garabullo doutra árbore e, logo, bebíanse coma se se tratase dun fino licor.

machucamoras

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 5 de Agosto do 2014 | 12:40 p.m.

Outros temas de Picaraxadas