publicidade hoxe

Carro de Lata

carro-de-lata-5

Dende finais do século XIX e, sobre todo, de comezos do XX, a industria conserveira da sardiña comeza a coller un verdadeiro auxe entre nós. Aínda que, cando máis se notou a medra desta industria foi co chegada da 1ª Grande Guerra, a mediados do primeiro terzo do pasado século XX, por mor de que este envasado significaba maior duración do produto, fácil transporte e a posibilidade de repartir porcións racionadas para o abastecemento do exército. Isto propiciou a incorporación masiva da muller ao traballo, quen facía todo manual e de xeito artesanal. Só se pode dicir, pois, que este xoguete comezou a existir co alborexar do século XX, mais realmente empeza a alegrar o tempo de lecer dos nenos por mediados dese devandito século.
En Portugal tamén é coñecido como carro de lata, e podían ser moi variados, sobre todo en canto ao material empregado para facer as rodas, pois podían ser de cortiza, dos carretes de fío, de madeira, … e se enganchaban uns nos outros, convertíanos nun comboio. Este tipo de trens tamén os facían en Euzkadi, combinando unha lata grande, que facía de máquina, e outras pequenas, que eran os vagóns. No Brasil, os nenos facían o que eles denominaban carrinho de lata de sardinha ou trator.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Unha lata rectangular de conserva; un pau delgado duns 15 cm de longo; dous anacos de arame maleable duns 10 cm cada un; dúas rodas de sabugueiro, salgueiro, … duns 4 ou 5 cm de diámetro; unha baraza de 1 m; un alicate; un martelo; un punzón ou puntilla e unha navalla.
TEMPO:Media hora.
ESTACIÓN:Todo o ano.

carro-de-lata-p0
carro-de-lata-p1
carro-de-lata-p2
carro-de-lata-p4

Unha vez atopada a lata de conserva, collemos un  martelo e axeitámoslle os bordos para non nos cortar. Despois, na metade dela facémoslle dous buratos equidistantes 1 cm e a outro dos bordos. Repetimos este labor polo outro lado. Deste xeito, quédannos catro buratos centrados no fondo da lata. Deseguido, realizámoslle outro burato nunha das partes laterais máis curtas e centrada contra arriba, ou sexa, contra o bordo da lata. Collemos o pau de 15 cm e introducímoslle unha roda en cadanseu extremo ata axustarllas ao ancho da lata. O burato da roda debe entrar moi axustado no eixe, para que roden mellor. De as rodas non ser de sabugueiro, podemos facerlles o furado cun ferro quente. Poñemos a lata de conserva de cu para arriba, colocamos o eixo e as rodas entre os catro buratos e, por eles, introducimos os arames dobrados pola metade en curva, collendo o eixo. Dámoslle a volta á lata e, por ese lado de dentro, imos dándolle volta aos arames ata apertar o suficiente, sen que prema o eixo. Cortámoslle co alicate as puntas sobrantes e dobramos o resto cara a un lado. Collemos a baraza polo burato da cabeceira, facémoslle un nó polo lado de dentro e tensamos para probar. Se resiste, cargamos o carro e veña, a xogar.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Novembro do 2013 | 10:00 a.m.

Outros temas de Picaraxadas