Tiratacos

![]() |
![]() |
Se cadra sexa un dos enredos máis universais, xunto co trompo, e asemade un dos que máis nomes recibe. Na propia Galicia é coñecido por tiralorbagas, bogateira, tirabalas, bogateira, entre outros. En Asturias, toquera. En Cataluña, el petard. Nas Illas Baleares, petador de canya, escopeta, perdinyal ou petard. En Euzkadi e Navarra tiña, así mesmo, varias denominacións, á parte de tiratacos, coñecíase por sabuquera, trabuco, cañuta, flotta, chulubitera, boloka, saukoa, alkanduz ou tako. En Iparralde, zona vasco-francesa, ttumpa, tupa e balapupa. Noutro lugares de España coñécese como lanzador de taco ou ciragua. En Portugal tamén ten un feixe de nomes:estoque, repuxo, estoiro, arcabuz, pistola de sabugo, estaleiro, puxavante, alcatruz, estourete, taqueira, … En Francia, adoitaban chamarlle esquifadou, la pétoire. En Sicilia, lu scupittuni, carcapaddu, sparapaddi, sambuca, scattabottu, schattarieul e, comunmente, en Italia, coñéceno por scoppietto.
ASÍ SE FAI
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Escollemos un pau de sabugueiro recto, porque senón non serviría para disparar, duns 15 ou 20 cm. Ao cortalo xa observamos que ten un corazón mol no medio, duns 7 mm de espesor, aproximadamente.
Debemos baleirarlle ese miolo brando interior, para o que temos que botar man do arame gordo de 30 cm e imos empurrando e escaravellando polo oco, ata que consigamos sacar todo ese miolo, e fique un cano libre.
É este un proceso non exento de dificultade, mais podemos alivialo se ao arame lle colocamos un mango cun carozo de millo e logo o quentamos ao lume, ata que se poña vermello. Así, ao introducirllo polo cano, vai queimando ese miolo e queda un tubo limpiño.
Feito este labor, xa nos podemos dispoñer a preparar a baqueta empurradora de toxo ou uz. Collemos o tubo e marcamos o seu longo no pau. Imos rebaixándoo ata que entre perfectamente polo tubo. Así xa nos queda co restante un mango na mesma madeira, que tamén o podemos puír unha miguiña para que non nos magoe na man ao empurrar.
Cortámoslle na punta 1 cm, para que quede máis curto có tubo. O que é o tiratacos xa estaría feito, agora só nos faltaría procurar as balas para disparar.
A munición que se podía empregar é moi variada, dependendo un pouco do que teñamos a man. Podían ser lorbagas de loureiro, estopa de liño, anacos de papel mollado e feito en bólas, cachos de nabo, pataca, remolacha, casca de laranxa, … Para dispararmos, collemos, por exemplo, papel de xornal e facemos unha boliñas enchoupadas en cuspe ou auga e que nos entren xustiñas no tubo. Daquela, poñemos unha boliña na entrada do tubo e empurrámola ata o tope da baqueta.
Logo, collemos outra boliña e volvémola pór na entrada e, coa baqueta, chuzámoslle un pouquiño, e agarrando o tubo, á altura do medio, cunha man, empurramos coa outra fortemente ata que, ao comprimirse o aire, fai que saia a primeira boliña producindo un estoupido seco. Co resto da munición, agás as estopas, adoitábase cargar por diante e logo por detrás e empurrar de golpe. Cos papeis e as estopas facíanse as boliñas mollándoas con cuspe, pois non sempre existía auga a man para realizar este proceso.