publicidade hoxe

Calivera de cabaza

cabazaÉ tempo de outono. As árbores abandonan ese verde vivo das súas follas e adoitan a cor amarelada e acastañada propia da falta de saúde e da proximidade da morte. Os seus froitos van aterrando no chan nun intento desesperado de alimentar a quen soubo agardar pacientemente este momento. As castañas, as noces, as fabas e o millo van encher os sequeiros, arcas, hórreos, canastros, cabozos, canizos, calustras, celeiros ou piornos. Tamén as cabazas e calabazotes se achegan ao fin da súa existencia. Criadas entre o millo, abrazadas aos seus talos e adormecidas nos regos, adaptándose ás súas curvas, van ser levadas para as eiras onde agardarán baixo unha cabana de palla de millo ata seren devoradas polos porcos. Antes de pasaren aos seus bandullos, sacábanselles as pebidas e poñíanse a secar para asegurar semente para o vindeiro ano. Eran estas unha regalía para o padal dos nenos e nenas e, non sería a primeira vez, moitas veces cando os maiores ían buscalas ao seu agocho, xa tiñan voado como por arte de maxia. A maxia e o medo agromaban nas noites outonizas de esfolladas do millo cando aqueles nenos non eran capaces de ir para a cama por teren escoitado contos da Santa Compaña, da raposiña de ollos acendidos, de cans doentes e mortos e aparicións. Todo isto quedaba gravado nas súas mentes. Aínda así e todo, os máis valentes eran quen de artellar coas cabazas, non só na noite de Santos, unhas caliveras acesas e colocalas nos carreiros e congostras escuras, para que cando alguén pasase, estarrecese de pavor.

Este tipo de xoguete ou enredo era común a outros lugares da Península. En Euzkadi tiñan o costume, despois de meterlle a vela dentro, de deixala diante dunha porta, darlle a aldraba ou petador e escapar correndo. Outras veces colocábanas nos portais das casas para asustar as nenas. Ás veces, na noite de “Todos  os Santos”, metíanlles casca de cebola nos ocos dos ollos da calivera e fuxían decontado. Tamén as facían con remolachas grandes e en Murchante (Navarra), con sandías chamadas melón de auga e denominábanas farois de careta e logo realizaban procesións con elas colgadas. Na zona vasco-francesa (Iparralde), ao tempo que as deixaban nas beiras dos camiños, os nenos agochábanse e imitaban o ruxir dunha besta enfurecida e nomeaban a este fantasma como Basa Jauna, en lembranza do personaxe da mitoloxía vasca. En Cataluña era coñecida polo nome de cap de mort de carbasson

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Unha cabaza, unha vela e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Outono.

calivera-de-cabaza-paso-1
calivera-de-cabaza-paso-2
calivera-de-cabaza-paso-3
calivera-de-cabaza-paso-4

En primeiro lugar debemos apañar unha cabaza, mellor mediana, porque son moi pesadas. Unha vez que xa a temos, hai que cortar unha tapa en redondo pola parte do rabo. Baleiramos o interior de pebidas e xa nos fica totalmente libre por dentro, para logo conseguir o que tiñamos previsto. Daquela, xa podemos facerlle dous furados para simular os ollos e outro, máis grande, para o nariz. A nosa obra está cerca de semellarse a unha cara horrenda. A seguir, realizarémoslle outro burato transversal, debaixo do oco do nariz, para simular a boca. É mellor facerlle unha cavidade bucal con dentes separados de arriba e de abaixo. Despois o xogo consistía en poñelos nos camiños e carreiros cunha vela acesa dentro, para que ao pasar alguén, apañase un susto de morte.

calivera-feita-de-cabaza

 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 21 de Setembro do 2015 | 7:23 p.m.

Outros temas de Picaraxadas