publicidade hoxe

Tirafondas

tirafondas

MATERIAL: Un pau gallado, dúas tiras de goma, un anaco de coiro duns 8 cm de longo por 5 cm de ancho e fío de cánabo.

FERRAMENTA: Unha navalla e, se temos, unhas tesoiras.

tirafondas-paso-1
tirafondas-paso-2
tirafondas-paso-3
tirafondas-paso-4

Comezamos por arranxar a galla. Partimos de que temos que ter ido á procura dunha galla de castiñeiro, salgueiro ou, mesmo, carballo. O caso é que sexan duras, resistentes e ben formadas. Unha vez en posesión desta galla duns 14 cm de longo, metade para aparte gallada e o resto para o agarradoiro, e un 1,5 cm de espesor, o que temos que facer, en principio, é facerlle uns encaixes en ambas puntas da galla de 1 cm de ancho a 0,5 cm do extremo e cunha profundidade de 1 mm. De querermos que quede máis fermosa ou curiosa, podemos quitarlle a carapela externa e sacarlle todo tipo de nós que puidese ter.

Para facer a badana, redondeámoslle as puntas ao anaco de coiro e facémoslle unha fenda a 1 cm de ambos os dous lados, de 1 cm de longo por 0,5 cm de ancho. A continuación collemos unha das gomas e introducímoslle a punta por un dos buratos feitos na badana, sacnado uns 3 cm para fóra, pola parte de atrás do coiro e atamos fortemente, tensando ben a goma. Para a realización deste proceso deberiamos botar man da axuda doutra persoa, que nos mantería a goma tensada, mentres nós anoariamos con forza.

Acabariamos realizando o mesmo proceso coa outra goma. Agora collemos a badana, dobrámola pola metade, collendo as dúas gomas xuntas e tensándoas un pouco en liña recta, marcamos a distancia oportuna duns 25 cm de longo. Estas marcas servirannos de referencia para que, a posteriori, ao amarrar na galla, nos quede a badana equilibrada con respecto á galla. Colocamos a marca, ante realizada, no centro da fenda da galla, tensamos e atamos como ante fixemos coa badana.

A seguir facemos o mesmo coa outra goma, sempre procurando que as gomas estean rectas e non reviradas. Para accionala, agarramos cunha man a galla e coa outra a badana que suxeita o proxectil, ao tempo que miramos fixamente que o noso obxectivo nos cadre entre a galla e o ollo. Cando teñamos ben tensadas as gomas e a seguridade de imos acertar, soltamos a badana. Un dos obxectivos da rapazada eran os cazoletas illantes dos paus da luz, que podían ser vidro ou de louza.

Este mesmo aparello tamén é coñecido cos nomes de tirapedras, tiracroios, tiracoios, tirafungas, tirafonda, entre outros.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 3 de Maio do 2016 | 11:52 a.m.

Outros temas de Picaraxadas