Fonda de trobisco
A fonda foi considerada coma unha arma de defensa na guerra, cando aínda estes enfrontamentos non gozaban da sofisticación das armas de fogo, ou na caza, sendo un gran adianto para atrapar a posibles presas que se atopaban a distancias, xa considerables, ás que non se chegaba cunha simple lanza. Semella ser que foron os fenicios os seus inventores. Consistía, daquela, nunha especie de bolsa na que se metía un croio, xirábase con moita forza e, ao soltar o tirador unha das cintas ás que ía atada a bolsa, saía disparado o proxectil por mor da forza centrífuga. Logo os gregos e os romanos xa empregaron unha con mango de madeira que se disparaba coas dúas mans e que lle chamaban fustibale. Na actualidade, aínda se emprega a fonda en zonas dos Andes, na América do Sur, en Oceanía ou certas tribos africanas.
Os nosos antepasados romanos xa empregaban a funda, para tirar pedras. Hai constancia en Virxilio de que lle chamaban funda a unha rede para pescar e Valerius Martialis, poeta da zona de Aragón do S.I d. C., denominaba así a unha rede pequena para cazar paxaros. O material que empregaban para a súa confección eran cabelos, nervios de animal, esparto, segundo nolo explica Estrabón nos seus escritos. Tamén parece ser que a empregaban os pegureiros para recoller os seus rabaños, segundo o explica Ramis no ano 1787.
Ao longo da xeografía galega recibe moitos nomes: terebisco, trebisco, trubisco, turbisco, torbisco, chorobisco, churbisco e mesmo matapulgas ou matapiollos, por mor da súa utilización para a eliminación destes insectos. Aconséllase non levar os dedos á boca e lavar as mans despois de manipular esta planta, debido a que é unha planta velenosa, especialmente os seus froitos.
Aínda que na maioría dos lugares se utilizaba para a súa fabricación corda e coiro, esparto ou unha simple corda, aquí na nosa terra tamén se levan feito de xonza ou xunco, ademais desta de trobisco, imitando esas máis fortes e duradeiras.
Coñécense co nome de funda, funga, atiradeira, en Portugal; funda, baladeira, estilingue, en Brasil; fronde en Francia; fiondaen Italia; fona en Cataluña e Illas Baleares, non obstante en Eivissa, é coñecida por bassetja; honda en España ou ufreilla, abilla, aballie, aballa, habaila e ebillia, en Euzkadi.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unhas cantas varas de trobisco e unha navalla. ESTACIÓN: Primavera andada. TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha hora, cando menos. |
Despois de ir procurar unha presada de varas de trobisco a un monte ou lugar onde as houber, comezamos pola preparación de cada unha delas. A continuación, facémoslle un corte lonxitudinal coa navalla, levantámoslle unha pouca desa casca, na base, e tiramos por ela e xa vemos que se desprende cunha gran facilidade. Ao chegar con este proceso a onde saen as pólas, cortamos por aí e xa temos a primeira tira de pel. Deseguido, repetimos este mesmo proceso, ata termos unhas cantas. Unha vez preparado o suficiente material, iniciamos o proceso de trenzado. Collemos tres tiras desa pel ou casaca e unímolas mediante un nó frouxo, trenzámolas, do mesmo xeito que fariamos coa coleta dunha nena, uns 15 centímetros. Desfacemos o primeiro nó e xuntámolo co final da trenza para formar unha ansela. Para que esta ansela fique suficientemente forte, trenzamos as tres parellas de peles que se formaron ao dobrar. A cada tira que se nos vaia rematando incorporámoslle outra. Continuamos con estas seis tiras ata chegarmos aos 60 cm Chegado a este punto, hai que dividir o trenzado e n dous grupos de tres tiras. Seguimos trenzando estes grupos ata ter un longo de 12 cm. Volvemos xuntalos e seguimos trenzando, ata termos outros 60 cm. Vai acontecer que algúns se vaian rematando, daquela temos que ver se nos cómpre a incorporación doutros, ou non, dependendo das necesidades do trenzado, para que nos quede parello á parte inicial anterior. Só nos queda eliminar as puntas sobrantes coa navalla.
Para empregala metemos a man na ansela e colocámoslle unha pedra entre a abertura dos trenzados centrais da fonda, agarramos a outra punta coa mesma man e dámoslle voltas no aire á fonda; cando queiramos lanzar abrimos a man e, debido á forza centrífuga, a pedra sae disparada con moita forza.
Recomendación:por mor de que a munición é a base de pedras, debemos ter moita prudencia á hora de empregala e sempre por riba da nosa cabeza.