Escopeta de millo
É esta unha argallada moi simple e totalmente inofensiva, mais tamén é moi gráfica e representativa do que é unha arma para cazar ou, simplemente, para facer competicións de puntería, contra unha diana improvisada ou outro calquera obxecto, susceptible de ser derrubado.
Este brinquedo é moi coñecido tanto na Península Ibérica coma en Europa e noutros lugares do mundo nos que existise este material. Non obstante, se cadra fose máis coñecida a escopeta de cana, mais o seu funcionamento e forma de realizala é moi semellante, cun mecanismo de tiro, realmente parecido. Ademais, dada a facilidade para atopar os materiais para facela, tamén se convertía nun agasallo lúdico moi socorrido. Non era necesario que fose exclusivamente o vimbio, para facer de tirador, senón que nesa época, fins de verán e comezo de outono, tamén se podía empregar, para tal mester, o toxo, o salgueiro ou mesmo unha variña de castiñeiro, entre outros. O que había era que levar no peto a suficiente munición, para nunca ficar sen balas na recámara. Era costume tirar os propios carozos do millo, postos en ringleira, coma se fosen as bolas, fitas ou monecos dun tiro de pichón, dos que adoitaban poñerse polas festas en toda Galicia. Tamén era coñecida esta escopeta, co nome de espingarda de millo.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha cana de millo 50 cm de longo e 2 cm de grosor, un vimbio duns 60 cm de longo e de menos de 1 cm de grosor, unha galla de pau duns 10 cm de longo e menos de 1 cm de grosor e unha navalla. TEMPO: 30 minutos. ESTACIÓN: Finais do verán ou comezo de outono. |
Escollemos unha cana que teña tres nós, da zona da parte de abaixo da mazaroca. Cortámola por ambos extremos, deixando os dous nós e limpamos os anacos de folla que teña arredor e xa procedemos a realizarlle o primeiro encaixe. No lugar da concavidade, é dicir, na parte máis próxima ao lugar onde nacería a espiga, facémoslle unha fenda, coa punta da navalla, de 2,5 cm de longo, 1 cm de ancho e outro centímetro de fondo. A seguir, realizamos outra fenda transversal, xusto na parte dianteira do anterior burato, que atravesará completamente a cana. Unha vez realizado todo isto, procedemos a arranxar a galla e pasámola polo burato que atravesa a cana na súa totalidade. Chegados a este punto, temos que ver se quen vaia disparar é zurdo ou destro, pois dependendo da opción, a galla terá que ser introducida coa punta para a esquerda, de ser destra a persoa que dispara e, se é zurda, ao revés. A continuación, coa punta da navalla, outra vez, facemos un buratiño na metade da outra parte da cana, traspasándoa totalmente, no mesmo sentido có primeiro furado. Espetamos o vimbio e logo cortámolo á medida que nos cadre ben xusto, para introducilo no encaixe situado mesmo detrás da galla. Para accionar a escopeta, colocamos un proxectil, gran de millo ou pedriña, na canle derriba da galla, xirámola cara adiante e, nese momento, sóltase o vimbio e sae disparado o devandito proxectil.