publicidade hoxe

Abesouro

latas-conservaEra moi común ver entre os nenos da aldea, sobre todo aqueles que vivían en lugares nos que había gando vacún, como cando ían con el pacer aos prados observaban acotío como un insecto moito máis grande cás abellas emitía un zunido que era capaz de espantar as vacas. Este denominábano abesouro, abesoiro, abexouro, besouro e, mesmo moitas veces, se ten escoitado o nome de moscardón. Habitualmente non era agresivo, aínda que tiña ferrón ou ferrete coma as abellas ou avésporas. Adoitaba saír por uns buratiños feitos no chan, onde tería o seu niño, e os nenos enfadábano facéndolle rabiar cunha palliña ou garabulliño, mais tiña que enfadarse moito como para intentar picar a alguén. Malia ser así, ou porque era así, os pequenos máis sádicos eran capaces de meterlles unha herbiña atravesada no abdome, para semellaren un avión que levantaba e aterraba deseguida, por mor do peso e do desequilibrio.

En Catalunya, chamábanlle la cigala. NasIlles Balears, aparece co nome de sonacigales, aínda que empregaban cana ou noz en vez do bote. No País Vasco, facían algo semellante, pero chegaron a prohibilo porque alteraba o gando, ao escoitalo, era o eltzaorra. En Italia recibe moitos nomes:na zona siciliana, cicala (que sería o nome da nosa chicharra), marranzanu,, cirrialoru, rana, scescka (nunha colonia albanesa); en Bari, ciàula; en Bologna, ranèla e, en xeral, raganela ou crepitacolo.

ASÍ SE FAI

abesouro-paso-1MATERIAL: Un bote, por exemplo de olivas, un cordón duns 80 cm de fío de cánabo, un pau duns 40 cm de longo por 1,5 cm de diámetro; un martelo, un punzón e unha navalla.

ESTACIÓN: Todo o ano.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha media hora, aproximadamente.

Comezamos pola procura dun pau recto de abeleira, salgueiro ou outro destas características que teñamos á man. Arranxámolo polas cabezas e procurámoslle un rebaixe todo ao redor, a un cm da cabeza, duns 3 mm de profundidade e medio cm de ancho. Realizado isto, collemos o punzón e, xusto no centro da base do bote, facémoslle un buratiño. Agora é o momento de coller o cordón e atalo no extremo rebaixado do pau, mais de xeito que nos fique frouxo para que poida xirar con facilidade, iso si, que non nos saia dese rebaixe.

abesouro-paso-2 abesouro-paso-3 abesouro-paso-4 abesouro-paso-5 abesouro-paso-6

Enfiamos o fío de cánabo polo buratiño do bote, pero sempre de fóra cara a dentro. Unha vez introducido, atámoslle un pauciño para que non volva cara atrás. Outro xeito de atalo é facéndolle dous buratiños paralelos e atar o fío, pasándoo polos dous ocos e anoando. Para accionalo, primeiro botámoslle unha miguiña de resina no rebaixe do pau e collemos o pau, a xeito de mango, e xiralo. Ao xirar produce un zunido semellante ao realizado polo insecto do mesmo nome, que tamén se denomina abellón. Este son prodúcese ao vibrar o cordón por esvarar no rebaixe contra a resina e transmitirllo a esa caixa de resonancia que fai o bote. Hai quen o denomina roncollo. Esa caixa pode ser unha casca de noz ou un tubo de cana cunha membrana.

abesouro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Xuño do 2015 | 10:59 a.m.

Outros temas de Picaraxadas