publicidade hoxe

Gaita de avea con roncón

1 (Avea-1)

A ó eminente poeta Ventura Ruiz de Aguilera

I

Cand´este cantar poeta,
Na lira xemendo entonas,
Non sei ó que por min pasa
Qu´as lagrimiñas m´afogan;
Qu´ante de min cruzar vexo
A virgen-martir qu´invocas,
Cós pes cravados d´espiñas
Cás mans cubertas de rosas.
En vano á gaita tocando
Un-h´alborada de groria
Sóns pó-los aires espalla
Que cân nas tembrantes ondas.
En vano baila contenta
Nas eiras á turba louca,
Qu´aqueles sons tal m´afrixen,
Cousas tan tristes me contan,
Qu´eupodo decirche
Non canta que chora. […]

V

(…)E cando á gaita gallega
Aló nas Castillas oyas,
O teu corazón pergunta,
Veras que che di en resposta
Qu´a gaita gallega
Non canta que chora.

A gaita tanto axudaba a levar as alegrías coma as penurias. Era un bo remedio para o desafogo. Ás veces, non podía máis ca chorar posto que a realidade non estaba para choutar, precisamente. Deste xeito, non é casual que sexa tan socorrida como argallada, neses devezos de imitación dos maiores, por parte dos miúdos.

En Galicia tamén se coñece como gaita de alcacén, ferraia ou ferraña, con roncón ou mesmo de centeo ou avea. En Francia, coma no resto do mundo, existen estas frautas de palla que denominan musette, pipette, trompette, sonette, bouèze, tcharamel ou coromelo, segundo sexan máis ou menos simples ou dobres coma nosa gaita de alcacén con roncón. Incluso as teñen feito co tubo das plumas dalgunhas aves. En Portugal realizaban deste xeito as súas gaitinhas ou pipas de colmo.

gaita-avea-materialMATERIAL: Dúas pallas de avea, un pouquiño longas; fío de cánabo e unha navalla.

ESTACIÓN: Finais de primavera ou comezos de verán.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha media hora.

gaita-avea-paso-1
gaita-avea-paso-2
gaita-avea-paso-3
gaita-avea-paso-4

Despois de coller unha palla de avea duns 20 ou 25 cm e o máis grosa posible, comezamos o noso labor. Cortámola polo nó da parte máis grosa do talo, é dicir, aquela que ao tempo de ser a parte máis longa, tamén é a de maior diámetro de grosor, polo tanto un dos nós máis próximos á base. Daquela, cortamos a palla pola parte de arriba dese nó, deixando de longo ata o da base, que ficaría aberto, sen nó. A seguir, comezamos pola realización do primeiro furado, dunha serie de sete, situado a 1 cm do extremo aberto. Para iso, collemos a navalla, ben afiada, e facemos un pequeno corte en bisel e, logo, outro en sentido contrario. Arrincamos ese anaco de palla e estaría listo ese primeiro buraquiño musical. Repetimos esta acción co resto dos ocos e repartidos a 1,5 cm de distancia entre eles. A continuación, facémoslle a palleta realizándolle un corte lonxitudinal, de 1,5 cm de longo, ben dende o nó cara ao primeiro burato, ou ao revés. Probamos se funciona o invento e, de non ser así, imos levantando coa punta da navalla esa fenda, a ver se soa. Se segue nas súas, pois non temos outro remedio ca comezar o proceso con outra palla. O consello, daquela, será iniciar o proceso pola confección da palleta, así non perdemos o tempo realizando os furados sonoros.

Agora, buscamos outra palla un pouco máis longa cá anterior e facémoslle unha palleta, do mesmo xeito cá outra. Para tocala, introducimos as dúas pallas metendo na boca toda a parte das palletas, tratando de que fiquen á mesma altura, e sopramos ao tempo que prememos os dedos enriba dos buratiños. Hai que une as dúas pallas con fío de cánabo, realizando dous nós, un despois da palleta e outro logo do último burato. Desta forma, asegurariámonos que as devanditas palletas están emparelladas dentro da cavidade bucal.

gaita-avea

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 15 de Xullo do 2019 | 3:00 p.m.

Outros temas de Picaraxadas