Zarabatana de sabugueiro
En Galicia tamén é coñecida por outros nomes, como tutubelo, tubo, tutelo ou tuto. Ademais tamén se podía utilizar para a súa fabricación, en vez de sabugueiro, o cano dun bolígrafo, coma aqueles afamados de “BIC cristal… escribe normal”, que dicía a publicidade e, neste caso, podíase empregar como munición grans de arroz ou boliñas de papel machucado con cuspe, aínda que tamén, como indica Antón Cortizas, agullas con fío enfiado, para tirarlle a dianas colocadas nas portas. Neste último caso é máis perigoso, por mor de se poidan cravar nun lugar non previsto na pel de alguén ou nun ollo. Son coñecidas asemade as zarabatanas feitas con tubo de cana ou de palla de trigo, avea, cebada, xoio,… O propio Antón Cortizas ten rexistrada a zarabatana de cucurucho de papel, así chamada porque a munición empregada era un pequeno cucurucho de papel que se colocaba axustadiño no devandito tubo e, ao soprar forte, saía disparado. En España é coñecida por cerbatana e, á parte de empregar o sabugueiro, utilizaban a abeleira e facíanlle o burato cun ferro quente. En Catalunya denominábase sarbatana e disparaban as carabuñas das boliñas do lodoeiro. Nas Illes Balears, tamén recibía o mesmo nome e mesmo lanzaban agullas. En Portugal era coñecida como zarabatanaou sarabatana, igual ca en Brasil, onde adoitaban facelas do cano do mamoeiro ou papaieira e metíanlles frechas do coqueiro cunha agulla na punta. En Francia coñecíase como sarbacane lance-teigne, porque o que acostumaban lanzar era os froitos do bardán. En Italia denominábana cerbottàna e disparaban conos de papel.
O que está claro é que esta argallada é de sobra coñecida por todo o mundo. Foi empregada como arma polas tribos salvaxes que vivían en lugares onde a densidade das árbores e arbustos non permitía o uso de armas de lanzamento a grandes distancias, dende a selva virxe de Borneo ou moitas asociacións tribais do Brasil. Evidentemente, os máis pequenos fixeron réplicas daquelas antepasadas armas para xogaren.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:unha póla de sabugueiro de un centímetro e medio de grosor, que teña unha distancia entre nós sobre 20 cm., unha navalla e un arame ben ríxido cun mango para puxar mellor. TEMPO: unha media hora, aproximadamente. ESTACIÓN: calquera época do ano. |
O primeiro que debemos facer é cortarlle os nós á póla.
Deseguido, collemos a póla e introducímoslle o arame, para sacármoslle o miolo que ten no seu interior.
Unha vez feito isto, dámoslle un corte ao redor, a uns 5 cm do estremo. Imos quitándolle a pel coa navalla, para que ao metela na boca non nos deixe un sabor repelente.
Xa temos preparada a nosa argallada. Só nos cómpre atopar a munición correspondente, que nos caiba polo tubo.
Estas balas poden ser, grans de trigo, boliñas das edras, boliñas de migallas de pan ou mesmo os propios froitos do sabugueiro, mentres estean verdes.
Para dispararmos esta arma tan perigosa, debemos introducir o tubo pelado na boca, sempre tendo o coidado de antes cargar o tubo co proxectil, e soprar con toda a forza que teñamos.
Procuraremos apuntar a onde non fagamos dano.