publicidade hoxe

Carretón

cortizosO mar, sempre o mar, estaba presente nas vidas dos nenos e nenas que vivían nas vilas mariñeiras. Tamén o estaba nas vidas daquelas mulleres que, sendo case nenas, aprendían o oficio de redeiras doutra maior e con experiencia. O seu paso pola escola era case anecdótico. Só asistían cando a sirena do barco non bruaba e non había que reparar os buracos nas redes despois dunha saída ao mar coa arte do cerco. Recuperaban aquelas redes de algodón que algún día tiveran que pasar o previo proceso do tinxido con casca de piñeiro, fervida con auga doce nuns grandes tanques, que logo pasaba a uns pilóns onde se depositaban as redes suxeitadas con táboas, para que non aboiasen. Durante un tempo permanecían aí ata que se enchoupaban ben coa tinta, para seren logo estiradas a secar nos areais das praias. Estas redes levaban cosidas na tralla do redor unhas rodiñas de cortiza para que o aparello aboiara, mentres que na parte que ía ao fondo, portaba uns chumbos. Aquelas rodiñas eran as que lles metían cobiza aos nenos, para faceren o presente xoguete. Aproveitaban calquera descoido dunha redeira en pleno proceso de cosido, para escaparen con algunha destas rodiñas, ou ben as collían dalgún boliche ou, os máis atrevidos e fedellos, cunha navalla arrincábanos das propias redes.

canasEste mesmo brinquedo aparece noutras culturas e noutros lugares, aínda que podía cambiar o material. Deste xeito, en Portugal existía o que eles denominaban carrula, carroça, corritaina, carronda, carreta  ou corrupia, que tiña unha soa roda de madeira, pero tamén o mesmo sistema ca en Galicia, cun eixo e dúas rodas metidas na cana que lles servía de apoio, se non tiñan rodas, podían empregar dúas laranxas verdes. Tamén se teñen atopado en Brasil e Senegal. Nas Illas Baleares tiñan a rutlla, rodeta ou rotlana, pero era cunha soa roda.

ASÍ SE FAI
material-carreton

MATERIAL:Dous cortizos das volantas, unha cana gorda, de 3 cm como mínimo, e 1 m e 50 cm de longo; unha cana de 50 cm de longo e 1,5 cm de grosor; unha cana de 30 cm de longo e do mesmo grosor có ollo do cortizo e unha navalla.

TEMPO:45 minutos.

ESTACIÓN:Todo o ano, especialmente no verán.

Collemos dous cortizos e espetámolos nos extremos da cana de 30 cm. Isto faranos de rodas e, ao mesmo tempo, de eixo do futuro carretón. A seguir, apañamos a cana de 1 metro e medio e, no extremo máis gordo, facémoslle un encaixe duns 4 cm de profundidade para que nos entre o eixo un pouquiño folgado. Xusto onde vaia coincidir o devandito eixo, debe ir sobrado para que xire con facilidade. Non obstante, a fenda ou abertura do extremo debe ser máis estreita, para que o citado eixe non se solte. A continuación, nesta mesma cana e a 1 metro deste extremo, farémoslle un oco do mesmo grosor que a cana de 50 cm, sempre no mesmo sentido ca o do propio eixo. Atravesámoslle esta cana ata a metade, para que quede convenientemente centrado. Isto funciona como agarradoiro para conducir este trebello. Xa está preparado para facer competicións entre os rapaces. Non sempre era en plan competición, senón que os facían chocar uns contra os outros polos camiños e corredoiras, ata que lles rompían os eixes e o proceso de reparado volvía a comezar. Tamén facían unha variante de carretón, que eles denominaban carreta, e que en vez de levar un eixo coas rodas de cortiza, facían un ha roda de madeira que introducían nunha cana grosa. Esta abrazaba a roda e metíanlle un eixe polo medio da roda e dos laterais da cana que a abrazaban. O xogo consistía no mesmo.

carreton-paso-1 carreton-paso-2 carreton-final
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 15 de Abril do 2014 | 11:35 a.m.

Outros temas de Picaraxadas