Sanxoáns
Tamén reciben outras denominacións: abellocas, abelouras,abelurias, abrulas, abrullas, alcornoces, alcroques, alicroques, abelurias, babocas, balocas, balocos, belitroques, bilincrocas, bilintroques, bilitroques, borletas, botexos, chopos, chopos negros, cloques, cocos, crioques, crócalos, crocas, cróqueles, croques, croques de cego, dedaleiras, dixital, estalos, estalotes, estoupallos,estoupós, estoupóns, estouróns, estralantes, estraleques, estraloques, estralotes, estricóns, estrincóns, estroupallóns, folla do sapo, herba da cobra, herba de san xoán, herba dos troques, lunas da nosa señora, malicloclas, melicroques, milicroques,militroques, palitroques, porretas, san xoanes, sanxoáns, sapaqueiros, seoanes, soandes, tróqueles, troques, tumbaretes, xoanes, abrulas…
Parece ser que despois da guerra, moitos velliños liaban follas secas desta planta para fumaren, pois o tabaco estaba moi racionado, segundo indica Xosé Mª Gómez Vilabella. Tamén se di que onde medra a abrula, bailaron as bruxas nas noites de lúa chea. Crese que escorrenta as bruxas e, en xeral, os males para que a casa e os seus ocupantes non sufran meigallos. É por iso polo que se soe poñer nas portas, ventás e buratos das casas na noite de San Xoán, segundo información da Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, Galicia Encantada.
No País Vasco estoupaban as flores na man ou estoupábanllas a alguén na fronte e denominábanas kukupraka.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Tantas flores desta planta como queiramos estoupar. TEMPO:O que queiramos enredar. ESTACIÓN: Primavera e verán. |
Este é un enredo moi pillabán. Case sempre tratabamos de sorprender e asustar, de súpeto, a outro neno ou nena que ía connosco e estouparllo contra a cabeza, apañando este un susto tremendo. O golpe era pequeno, pero o susto era maiúsculo. Para facer isto, cóllese unha flor, péchase cos dedos dunha man e estálase contra a cabeza do acompañante. Tamén se mete un susto igual, se o estoupamos contra a outra man. Había quen colocaba varias destas flores, aínda sen abriren, sobre a palma dunha man e golpeaba coa outra, estourándoas todas á vez. O fogonazo era maior, claro. Podíase mesmo facer competicións a ver quen estralaba máis en menos tempo ou a ver quen era o primeiro que erraba no estoupido, quedando fóra do xogo. Gañaba quen quedaba para o final sen fallar nunca.
Antón Cortizas sinala que Antonio Fraguas referira que Fermín Bouza Brey achara unha práctica en Cotobade (Pontevedra) en que os nenos atrapaban os abellóns que ían zugarlles o seu néctar e logo ceibábano contra alguén. Unha boa brincadeira!