Moneca de follato de millo
MATERIAL: Bastantes follas de millo, secas e do interior que non estean danadas pola chuvia e o sol; fío de cánabo, barba da espiga do millo, tesoiras e rotulador negro e vermello e agulla para coser. TEMPO: Unhas 3 horas. ESTACIÓN: Finais do verán e outono. |
As monecas se cadra sexan uns dos xoguetes máis antigos, tradicionais e populares que se atopan en todas as culturas e que se realizaban e todo tipo de materiais e con significados diversos. Esta moneca de follas de millo é coñecida en todos os lugares onde existiu esta planta. Son especialmente coñecidas as mexicanas que, parece ser, se remontaban a tradicións precolombinas, mais tamén aparecen estas monecas noutros países e estados americanos como Brasil ou Arxentina.
O que si é certo é que as formas de realizalas son moi variadas dependendo da imaxinación do neno ou nena que as confeccionaba. En Europa é máis propia das culturas atlánticas por unha obvia razón climatolóxica. Así é moi propia de Portugal, onde a denominaban boneca de capas de milho ou de palha de milho e en Francia, coñecida por poupée en épi de mais.
ASÍ SE FAI
Comezamos a elaboración deste enredo, tan típico da nenez, pola creación dos seus brazos. Para iso, collemos 4 follas de pequeno tamaño e dúas delas enrolámolas, cu con cu, sobrepostas 3 ou 4 cm coma se fose un cigarro. Encima destas enrolamos, da mesma maneira, as outras dúas restantes. Rematada esta operación, atamos co fío de cánabo xusto polo medio, cun nó ben forte e, a seguir, facemos o mesmo en cada un dos extremos. Agora iniciamos a realización da cabeza.
Entón collemos unhas cantas tiras de follato e enrolámolas verticalmente. Rematado este proceso, facemos o mesmo enrolando outras sobre as anteriores, pero en sentido contrario e así sucesivamente ata ir dándolle a forma dunha bóla, máis ou menos, do tamaño dunha coca ou albóndega. Apañamos un follato enteiro e introducimos nel esa bóla anterior e imos envolvéndoa e pregando o follato sobre ela, de xeito que non se vexan os pregues, ata darlle a forma de cabeza. Para rematala, atamos co fío ese follato pola parte de abaixo da cabeza e xa a temos preparada.
Como a cabeza quedou feita no medio do follato, temos dúas puntas sobrantes despois da anterior atadura, a punta e o cu do follato. Polo medio de ambas metemos os brazos, ben centrados, e volvemos a atar con nós ben apertados e cruzados e, aínda así, quédannos dúas puntas sobrantes. Estas aproveitámolas para logo engadirlle as pernas. Daquela, collemos outras dúas ou tres follas e, ao tempo que as imos enrolando sobre unha das puntas sobrantes, tamén as imos apertando co fío, coa finalidade de que se vaia facendo un corpo único e que non se solte da punta que vén da cabeza. Realizamos o mesmo coa outra perna e amarrámolas definitivamente, ambas as dúas, formando a parte baixa do ventre.
Neste proceso xa iriamos xirándoas convenientemente para que nos queden paralelas. Finalmente, amarrámolas na punta a 1 cm, mais ou menos, para que ate con seguridade as follas. Poñémonos neste momento a facerlle o peito. En primeiro lugar, pregamos unha folla de xeito que nos quede unha anchura duns 2 cm, colocámola coa parte limpa e boa cara ao rostro e facemos o mesmo con outra pola parte das costas. Realizámoslle un primeiro nó, amarrando as dúas a un tempo, á altura do pescozo. Dobramos cara abaixo ambas e comezamos a atalas en cruz por debaixo dos brazos e por detrás do pescozo e das costas, ata que nos quede ben apertado e esteticamente fermoso, polo que o último nó debemos facerllo por detrás das costas.
Como o corpo está espido, debemos facerlle un vestido. Collemos 6 ou 8 follas, das máis bonitas, e a primeira delas colocámola coa punta para arriba, cara á cabeza, e co cu por debaixo do peito. Atámola fortemente por aí, polo van, e imos facendo o mesmo coas restantes todo ao redor da moneca. Dámoslles a volta e recortámolas coas tesoiras á altura que creamos conveniente. A que está por diante e por riba de todo, podemos recortala máis curta e dámoslle xeito de mandil ou mantelo. Despois de botarlle unha ollada ao conxunto, se vemos que ou os brazos ou as pernas non están proporcionados, atamos máis curto as follas e logo recortamos coas tesoiras.
Para facerlle o peiteado e o cabelo, temos que coller a barbadela de unha ou dúas mazarocas de millo e amarrámolas co fío por unha punta e separamos tres grupos e imos trenzándoa ata un longo duns 5 cm ou o que nos dea. Realizamos o mesmo proceso para confeccionar a outra trenza. A ambas as dúas, no extremo final, dámoslles un lazo bonito. Collemos outras barbadelas para facer o floco e o resto do cabelo. Atamos estas barbas polos dous extremos e por aí cosémolas á cabeza, un pouco cara atrás, para simular o cabelo. Para colocarlle as trenzas, cosémosllas pola parte de atrás da cabeza e pasámolas para adiante por riba do peito.
Agora, coa finalidade de que non se observe ningunha atadura e cosedura, poñémoslle un gorro e capa. En primeiro lugar amarramos cun fío no pescozo. Collemos unha folla grande, facémoslle un pregue de 0´5 cm por un extremo e collemos o cu da folla e suxeitámola por detrás da cabeza e dámoslle a volta por riba da cabeza deixándolle algo de cabeza á vista e volvemos coa punta da folla ata o lugar onde tiñamos o cu. Quédanos un carapucho coma o de Carapuchiña Vermella. Co fío que teñamos atado, dámoslle unhas voltas para suxeitar ben este carapucho e cortámoslle as puntas sobrantes.
Por fin, xa só nos queda poñerlle unha capa e pintarlle os ollos e a boca. Collemos unha folla co cu á altura da caluga e coa punta para arriba, amarramos fortemente co mesmo fío anterior e dámoslle a volta á folla cara abaixo. Recortámoslla un pouco máis curta có vestido. Finalmente pintamos o rostro para darlle un aire de moneca fermosa.