publicidade hoxe

Canaveira

canasO mundo dos nenos sempre estivo unido ás manifestacións de xúbilo e alegría e ás brincadeiras máis curiosas. De aí que moitas veces se escoite o dito de “os nenos son o demo”, aludindo, claro está, á sona que tivo sempre este diminuto personaxe mítico galego de facer as falcatruadas máis inverosímiles.

Moitos destes inventos tiñan unha finalidade totalmente festiva, á parte da lúdica, obviamente. Concretamente este aparello podía utilizarse, aproveitando a súa sonoridade esaxerada, como un gran estraloque para zumbarlle no lombo a calquera, semellando que o golpe é tan grande coma para partirlle o espiñazo.

Podía realizarse case en calquera época do ano, mais é evidente que o espírito festeiro aflora máis coa calor, de aí que sexa na primavera ou no verán cando máis se vía. Podía empregarse a cana dunha vasoira vella, sobre todo en zonas do norte de Galicia, ou máis comunmente unha cana seca do país, máis propias do sur.

En Galicia tamén se lle chama tarabela, castañola de cana, catraca, canivela, entre outros. En Portugal hai referencias como castanholas ou mesmo, cana rachada. Nas Illas Baleares recoñecíanse por castanyetes, picacanyes, castanyoles, tetena ou, simplemente, canye. En Cataluña, tamén recibían o nome de castanyoles ou picacanyes. En Francia, este enredo ruidoso, denominábase claquoir en canne e empregábase a miúdo cando un vello casaba cunha rapaza nova. Daquela, os rapaces consideraban que o vello estaba en débeda con eles por terlles levado unha rapariga casadeira, entón, debaixo da ventá da parella casadeira, nunha noite escura e silenciosa, armábanlle un grande estrondo ata que lles abría a porta e lles daba unhas cuncas ou algún diñeiro para celebralo. Isto lembra un pouco ao que acontecía en moitos lugares do sur de Pontevedra coas cornetadas, realizadas cos cornos, cando unha viúva volvía ter outra relación amorosa.

ASÍ SE FAI

material-canaveiraMATERIAL: Unha cana de catro nós e duns 60 cm, aproximadamente, de longo e uns 3 cm de diámetro; un metro de fío de cánabo e unha navalla.

TEMPO: Uns tres cuartos de hora.

ESTACIÓN: Primavera ou outra época calquera.

canaveira-paso-1
canaveira-paso-2
canaveira-paso-3

Cortamos unha cana de catro nós e que teña uns 60 cm de longo, como mínimo. Limpamos con xeito eses nós e arranxámoslle as cabezas, para que fiquen ben puídas. Collemos o fío de cánabo e atámosllo ao redor ao pé do segundo nó, pola parte máis delgada da cana. Agora é o momento de fendela ao medio ata chegarmos a esa atadura, feita anteriormente para evitar así que fenda máis do debido e se estrague. Pola altura do tubo do medio, fáiselle un rebaixe trapezoidal, para que quede un oco entre as dúas partes del, que actuará como caixa de resonancia.

Para usalo como instrumento musical, debemos agarralo pola zona situada detrás da atume, que serve de mango, e bater coa outra man por debaixo de onde a temos agarrada. Este golpeo faralle vibrar á parte rachada. O resultado depende moito da pericia do músico. Posto que é unha argallada musical para producir ritmos, pode ser empregada, igual que o reque-reque, nas regueifas.

canaveira

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 9 de Abril do 2018 | 7:03 p.m.

Outros temas de Picaraxadas