Gaita de castiñeiro
“Zancarrandullo andaba na festa, no medio inchaba, no rabo roncaba, tiña orellas e zangoneaba” |
Dicía tamén aquela cantiga popular: “Esta gaitiña que eu toco / sente coma unha persoa, / unhas veces cant e ri, / outras veces xime e chora”. A gaita non deixaba indiferente a ninguén e, por suposto, tampouco o gaiteiro. Lembremos aquel “repoludo gaiteiro” que indicaba Rosalía de Castro, “de pano sedán vestido /coma un príncipe cumprido” que cantaba alá pola mañanciña :”con esta miña gaitiña / ás nenas hei de engañar”. Non era doado, pois, que pasase desapercibido un personaxe tan popular coma es. De aí que os rapaces quixesen aprender a tocar a gaita para seren considerados coma unha sorte de heroes locais e ter fama recoñecida entre as mozas da súa aldea e dos arredores. Era este un dos motivos polo que os nenos tentaban facer todo tipo de gaitas artesanais con materiais coma o castiñeiro, a cana, o alcacer ou alcacén, o xoio, … O importante era adestrarse para que, cando chegase o gran día de daren o paso a tentar tocar unha gaita de “verdade”, tivesen destreza para facelo.
Estas gaitas inzaban máis nas zonas interiores de Galicia nas que abundaban os soutos de castiñeiros. Por esta mesma razón, son tamén comúns nas montañas asturianas e bercianas. Noutros lugares peninsulares tamén adoitaban facer algo semellante coas canas e o sabugueiro, como por exemplo en Portugal, que tamén denominaban gaita ou flauta. No País Vasco facían os txibilituak de diferentes formas e que, á parte de empregaren o castiñeiro, tamén utilizaban o freixo.
ASÍ SE FAI
Despois de procurar o material que nos cómpre, comezamos por facerlle un corte, todo ao redor, ao rebento de 60 cm a uns 10 cm da parte máis ancha. Refregamos a cacha da navalla todo ao redor e ao longo do rebento, menos da parte sobrante de agarrar. Imos observando que vai soltando un zume toda esa carapela externa. Isto é, nin máis nin menos que a seiva, que na primavera está a percorrer o talo da árbore. Temos que agarrar forte por ese extremo máis ancho, ao tempo que imos movendo o resto coa outra man. Se escoitamos un pequerrecho estalido, quere dicir que o noso traballo corre ben e a carapela estase separando. De non acontecer isto, insistimos un pouco máis coa refrega coa cacha da navalla. Quitamos logo ese tubo e pousámolo. Co pau de 40 cm, realizamos a mesma operación ca co anterior. Antes de sacar a casca, marcamos e facemos os buratos correspondentes, entre seis ou oito. De seren oito, un deles ten que ser polo lado contrario. Agora xa sacamos a carapela, igual ca fixemos co primeiro. Temos que facer agora as pipas ou palletas para tocar . Este proceso foi explicado no seu día, cando se publicou o artigo referido a como facer a pipa de castiñeiro, o 27 de maio de 2014. Quedaríanos por introducir cada pipa en cadanseu tubo, o que non ten buratos, sería o roncón e, o outro, o punteiro. Para tocar esta gaita, hai que introducir as dúas pipas na boca e manipular o son nos buratos do punteiro.