publicidade hoxe

Carro de Salgueiro

carro_de_sigueiro

SigueiroO enredo desta semana non pasaba nunca desapercibido porque “vai pro monte e vai calado, vén para casa e vén cantando”. Xa era coñecido polo chión ou chionciño aludindo ás súas famosas cantigas que botaba cando viña cargado por un camiño abaixo, ben fose con toxo, esterco para unha leira, leña, ou calquera outra carretada. Unhas veces cantaba, falaba, chiaba ou asubiaba. Vaia que, fóra a alma, era coma unha persoa.

O seu nacemento deu lugar á aparición da figura do carreteiro, aquela persoa que se dedicaba a traballar co carro e a súa parella de bois tirando por el. Era un personaxe célebre e, moitas veces admirado, polo rexo, duro e forte que era, aínda que tamén traía consigo certos vicios, coma o de fumar ou o de non coidar a boca cando falaba.

Era costume ver baixar os carros cargados do monte con toxo, aí sobre o mediodía á hora do xantar, despois dunha dura xornada matinal. Quen ía ao monte, erguíase  cedo, dáballes de comer aos bois, xunguíaos ao carro procurando deixar ben seguro o xugo e ben enganchado na cabezalla e asegurado coa chavella, botaba o adival, o fouciño, o galleto e a galla e así comezaba a súa andaina para recibir o frescor da mañá e os primeiros arrecendos que a madrugada lle brindaba.

Outras veces o espectáculo era ver o traballo colectivo de varios carros da mesma aldea carrexando monllos de trigo para facer a meda na eira, antes de ser mallado o cereal. Observar toda esa colectividade solidaria, esa boa harmonía entre os veciños era deleite para a retina de calquera.

Destas imaxes xorden os devezos dos máis pequenos por imitar os maiores e de sentirse, unha vez máis, importantes. Por iso van construír estes carros de salgueiro que lles permitían aproximarse, ao seu xeito, á realidade dese mundo rural que os protexía.

Carros deste tipo e doutros materiais téñense rexistrado por toda a xeografía rural de Occidente, dende que fora importado, parece ser, da antiga Mesopotamia. Especialmente coincidentes, tanto na forma coma no material empregado, son os que se construían na Bretaña francesa, onde lle chamaban la chérette en bois de saule, e que podía ser un carro dobre unido por un xugo.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha galla de 30 cm e un mango doutros 30cm, un pau de 10 cm e 1 cm de diámetro, un pau igual cá galla, dous paus duns 70 ou 80 cm e 1 cm de diámetro, un pau duns 40 cm e 2 cm de diámetro e unha navalla.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha media hora, aproximadamente.

ESTACIÓN: Primavera.

paso_1paso_2paso_3paso_4

Comezamos por quitarlle unha tira de pel ao pau de 40 cm e esquecémonos del. Collemos a galla e cruzámoslle as puntas e amarrámola ben coa devandita tira de pel do pau de salgueiro.

Dobramos as dúas varas de 80 cm en forma de U. Metémolas no medio da galla coas puntas para o mesmo lado. Collemos o pau de 30 cm por riba das varas cruzadas en U e metémoslle atravesado o pau de 10 cm, suxeitándoo por debaixo das varas da galla e por riba do pau central. Queda así suxeito todo o conxunto. A parte redondeada das varas dobradas en U, serían as rodas do carro e as puntas, os fungueiros. O mango da galla sería cabezalla do carro. Se o agarramos por aquí podemos carretar cargas con el.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 10 de Xullo do 2013 | 10:17 a.m.

Outros temas de Picaraxadas