Escopeta de cana
É este un dos múltiples xoguetes que xorden da imitación das actividades dos seus maiores, neste caso a caza. A procura da alimentación das tribos dos pobos máis antigos fixo que se fose facendo normal a actividade da caza, realizada con diferentes armas, desde as machadas, lanzas, arcos e frechas ata as escopetas. Mais non só influíu a devandita actividade na confección destas escopetas, senón tamén as diferentes guerras sufridas no pasado século XX, pero principalmente a Guerra Civil e os posteriores fuxidos ou escapados da posguerra. Así os nenos organizábanse en bandas e pelexaban entre eles agochándose por detrás de muros e valados, agardando a chegado dos contrarios para cazalos por sorpresa. Tamén eran comúns as probas de puntería contra calquera obxectivo, unha lata, unha árbore ou outro obxecto que entrañase certa dificultade.
Este brinquedo é moi coñecido tanto na Península Ibérica coma en Europa e noutros lugares do mundo nos que existise este material. Así, en Portugal era coñecido como arcabuz, espingarda de cana, mata-moscas ou arco de bala; en Cataluña como escopeta de canya, en Baleares como escopeta d´ullastre; en Francia, como pistolet arbalète e en Italia é coñecida por scupetta di canna ou en Sicilia, por ammuzza-muschi.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha cana de 70 cm de longo e 2 cm de grosor, un pau de 6 cm de longo e 1,5 cm de grosor, unha navalla e unha vara de paraugas TEMPO: 30 minutos. ESTACIÓN: Verán. |
Collemos unha cana duns 70 cm de longo, que nun dos extremos remate nun nó, e no outro, obviamente, sen el. Deseguido, na cabeza sen nó, a uns 20 cm, facémoslle unha fenda por cada lado da cana, duns 3 mm de ancho e 10 cm de longo. A continuación, a uns 5 cm do remate da fenda, realizámoslle un burato que atravese a cana ata que entre axustada a vara. De haber algún nó entre o extremo aberto da cana e a fenda, debemos eliminalo cun ferro redondo ou algo semellante, para desatoalo e que quede o cano libre da futura escopeta. Este proceso é máis doado quentando o ferro. Liberado o canón, espetamos a variña do paraugas polo buratiño, realizado a 5 cm da fenda. Dobrámoslle a punta e introducímola pola fenda ata que traspase uns 4 cm para abaixo. Este sería o gatillo disparador. Só nos queda por facer o proxectil. Para iso collemos o pauciño de 6 cm e axeitámolo de maneira que entre ben folgado polo canón. Para disparar, introducimos o proxectil por diante da escopeta ata que chegue á fenda e poñemos a escopeta cara arriba, ao tempo que tiramos para atrás pola variña. Soltamos esta e o pau sae disparado.
Existe unha variante moi semellante e práctica, mesmo menos perigosa, que consiste en empregar como disparador unha variña de vimbio. Para montala debemos amarrar a parte máis grosa do vimbio á culata da escopeta, cun bo fío de cánabo. A primeira atadura debe estar a uns 2 cm do final e a outra a uns 10 cm da fenda. Logo introducímoslle a devandita punta da vara do vimbio pola fenda, que fará de disparador, igual cá vara do paraugas. Como proxectil tamén se podía empregar bugallos de carballo, landras, froitas semellantes ou mesmo pedras redondeadas que entrasen con folgura no canón.