publicidade hoxe

Cesto de xunco

xuncos

Quen fai un cesto, fai un cento se dan vergas e tempo”. Certo era que aqueles dominaban a arte de facer cestos, facíanos de memoria, coma quen non quere a cousa, aínda que, iso si, o seu tempo levaba. Mais tamén que os facía, sentíase moi cheo e orgulloso do seu traballos. Así dicía aquela cantiga:

Cando vamos para a feira
cos cestos a vender,
chamamos polas mulleres
que nolos veñan ver”.

Moitos eran os materiais ou materia prima que se empregaba para a realización destes recipientes feitos para o transporte, almacenamento ou conservación. En Galicia botaron man do carballo, o castiñeiro, o salgueiro, o freixo, a cerdeira, o bidueiro, o vimbio, a palla de centeo, trigo ou avea; a cana e mesmo o xunco. En moitas aldeas existía esa persoa mañosa que sabía de facer estes cestos. Aínda que non fose o seu oficio, pois combinaba sempre cos labores agrícolas e gandeiros, facía por encargo estes recipientes e, outras veces, ía polas casas de quen reclamaba os seus servizos. Durmía e comía nestas casas e cando remataba o traballo, volvía á súa. Era, precisamente, nestes casos cando os nenos quedaban prendidos deste saber e tentaban con xunco facer o que facían os cesteiros cos vimbios, por exemplo. A caso era coller a maña, dicían que despois cando fosen máis maiores xa eles saberían domear ese outro material máis duro e difícil de moldear. Había que comezar con algo doado, aínda que non resistente, coma xunco.

Esta tradición cesteira xa fora coñecida na época Neolítica, nas culturas de “El Fayun” e “Badari”, en Exipto. Tamén o xeógrafo grego, Estrabón, nos tiña falado da existencia de certas canastras que empregaban as mulleres para lavar as areas nos ríos, para extraer ouro e estaño. Como argallada é coñecida por toda a Península, aínda que ás veces poida variar o material en que estean feitos. Así en Catalunya, tiñan os cistellets (cestiños), nas Illes Balears, as panerets; en Euzkadi, as bigungarri (berces); en Francia, le panier (cesto alongado para o pan). En fin, que segundo fose a imaxinación do construtor, así sería o resultado.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Tres xuncos longos.

ESTACIÓN: Primavera.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns 20 minutos.

cesto-de-xunco-paso-1 cesto-de-xunco-paso-2 cesto-de-xunco-paso-3 cesto-de-xunco-paso-4 cesto-de-xunco-paso-5

A mellor estación para a realización deste xoguete é, sen dúbida, a primavera porque son moito máis flexibles e, por suposto, é moito máis doado arrincalos. Colocamos estes tres xuncos en forma de estrela e procurando que non nos queden sempre as puntas para o mesmo lado, é dicir, á hora de establecer a colocación, debemos alternalos, de xeito que nos cadre un xunco con punta ao lado do outro que teña a base orientada cara a fóra. Comezamos por dobrar o que está debaixo por encima dos outros dous. A seguir, saltamos un e pasamos o seguinte por derriba dos outros que o seguen. Continuamos repetindo este proceso ata case o remate dos xuncos e sempre co nó cara a fóra. Cando nos queden 4 ou 5 cm do primeiro xunco que se acabe, imos meténdoos por debaixo do seguinte, para que vai ficando ben prendido. Unha vez dada, como mínimo, unha volta, cortamos as puntas restantes e xa fica feito o cesto de xunco. Tamén, de querermos, podemos engadirlle unha asa para levalo mellor.

cesto-de-xunco

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Abril do 2015 | 7:22 p.m.

Outros temas de Picaraxadas