publicidade hoxe

Pipa de castiñeiro

castineiroO castiñeiro é unha árbore moi xenerosa e dadivosa. Dela pódese aproveitar todo, coma se dun porquiño se tratase. Coas súas diferentes podas podemos abastecernos de leña para o lume ao tempo que melloramos a produción de castañas, pois non debemos esquecer que antes da aparición da pataca nas nosas lareiras e cociñas, desempeñou a súa mesma función culinaria. ¡Cantas barrigas encheu! Tamén esta peculiar árbore leva axudado coa súa madeira para facer trabes, ventás, portas, varandas, cangos, sobrados, cubertas, … para a construción das nosas casas tradicionais. Outra faceta é a dos recipientes para carrexar todo tipo de froitas, cereais e, por suposto, os bocois para gardar o viño nas adegas. Pero non só era aproveitado polos maiores, senón polos máis pequenos, para realizar múltiples argalladas coas súas follas, recandeos, rebentos ou pólas.

Este tipo de pitos e asubíos están moi estendidos por todos os lugares do mundo, iso si, vai depender moito do tipo de madeira da que sexan para seren dunha forma ou doutra e tamén, por suposto, que se diferencien polo seu son. As árbores máis utilizadas son o salgueiro, o castiñeiro, o ameneiro, o freixo ou a abeleira. No territorio español denomínanas lengüetas. En Euzkadi falaban de xirula ou txilibitu. En Cataluña coñecíana por xaramella de pela d´arbre, igual ca nas Illas Baleares. En Portugal eran os assobios ou zorras. En Francia existían os petit sifflet en peau de châtaignier e tamén as empregaban para embocadura doutro aerófono, que era la corne de berger, a nosa trompa de castiñeiro.

ASÍ SE FAI

pipa-de-castineiro-materialMATERIAL: Un rebento dun castiñeiro de 1 ou 1´5 cm de gordo e unha navalla.

TEMPO: 5 minutos.

ESTACIÓN: Primavera.

pipa-de-castineiro-paso-1
pipa-de-castineiro-paso-2
pipa-de-castineiro-paso-3

Collemos a poliña de castiñeiro e pegámoslle un corte perpendicular a unha distancia de 8 ou 10 cm do extremo cortado inicialmente. Este corte debe ser todo ao redor e pouco profundo, simplemente o groso da pel. Agarramos a vara cunha man e coa outra pasámoslle as cachas da navalla, preméndoas contra a pel e de xeito lonxitudinal, coa finalidade de que esa pel se vaia soltando da madeira ao ir botando unha miguiña de zume líquido. Agora, con esa mesma man que tiñamos pasando a navalla, agarramos a vara por ese lugar machucado e, fortemente, dámoslle un xiro. Xa escoitamos un son seco de ¡clack!. Quere dicir que se soltou a pel da madeira. Sacamos ese tubiño de pel en un extremo, a unha distancia de 2 cm, ímoslle sacando a pel verde que ten, ata que quede por aí ben fina. Machucámola coa punta dos dedos índice e polgar, metémola na boca e sopramos. Xurdirá así un son ronco moi característico. Isto mesmo tamén se pode facer cos rebentos doutras árbores como o freixo, ameneiro, abeleira, salgueiro, …, pero o son, evidentemente, non vai ser o mesmo.pipa-de-castineiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 27 de Maio do 2014 | 10:59 a.m.

Outros temas de Picaraxadas