publicidade hoxe

Pipa de coca

Pipa de coca

O máis habitual era ver as persoas maiores, sobre todo os avós, como sacaban do seu peto da chaqueta de pana, gabardina, zamarra ou abrigo un paquetiño pequeno, feito en papel de estraza, cunhas cores por fóra verdes ou azuis. A sorpresa xurdía ao abrilo, cando aparecían uns anaquiños pequenos dunhas folliñas, que tiñan un cheiro especial. Era o tabaco de picadura. Unha veces viña a granel e outras xa envolto nus papeis case transparentes, a xeito de chourizos pequenos. Desenvolvíanos e quitaban outro papeliño fino dun envoltorio denominado librito, quedando sempre outro á porta. A seguir, metían parte desa picadura nese papel, enrolábano e pegábano con cuspe pasándolle a lingua pola beira e botábano na orella. Acabada esta tarefa, facían o mesmo con outro e ese prendíanlle lume cun chisqueiro de mecha ou gasolina e fumábano. Isto era o común, pero o que máis campaba, por raro, era o fumar en pipa. Estaba ao alcance de poucos e chuchar nunha pipa daba prestixio e marcaba posición social. Lembraba aos señoritos adiñeirados, cando menos en aparencia. Daquela, chamaba moito máis a atención aos nenos esta última forma de botar fume pola boca.

Pipa de coca

MATERIAL:Unha coca grande, ben feita e redondiña, un tubo de cana o máis delgado posible, duns 10 cm; unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Inverno.

No País Vasco denominábase arto-pipa e facíana de carozo de millo cortado e baleirándoo por dentro, engadíndolle un tubiño delgado de cana e, a xeito de tabaco metíanlle a barbadela das mazarocas do millo. Tamén na provincia de Ourense facían algo semellante e mesmo introducíanlle mel, que ao quentalo con lume, volvíase caramelo e tiña un sabor moi doce. Tamén se teñen feito pipas de sabugueiro, é dicir, aproveitando a súa póla oca e engadirlle un tubo de cana. Nas Illas Baleares tamén se facían de aglá (landra), pataca, caragol (caracol), fulla de pi (folla de piñeiro), pinya (piña dun piñeiro), canya (cana) ou magrana (cabaciña ou gramínea parecida).

ASÍ SE FAI

 

Pipa de cocaPipa de cocaPipa de coca

Procuramos unha coca de tamaño grande que nos lembre a forma redondeada dunha cachimba. Cortámoslle un anaco pola parte de arriba, coma se fose unha tapadeira ou testo dunha pota, xusto por debaixo da coroa de picos. Dada a brandura do material co que estamos a traballar, á hora de cortala, temos que darlle un corte ao redor con moito coidado, coma quen lle fai o camiño, ata que se vaia desgastando e lle saia a tapa. De non o facermos así, corremos o risco de que escache. A continuación, temos que baleirala coa navalla, raspando todo ao redor, ou mesmo coa punta do dedo, ata que non quede nada. Cortamos un tubiño de cana de 10 cm de longo e, xirando a puntiña, facemos un buratiño pola parte lateral de abaixo, xusto do mesmo diámetro có tubo de cana. Finalmente, introducimos o tubo no burato xirándoo pouco a pouco, ata que fique axustado. De non o conseguirmos á primeira, collemos outra coca e repetimos o proceso. Tamén podemos intentalo facéndolle primeiro o burato para meter o tubo e espetarllo. Despois, facémoslle o corte por riba, sacámoslle a tapa e logo, finalmente, o baleirado. Hai que probar para conseguirmos o obxectivo.

Pipa de coca

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 17 de Xaneiro do 2014 | 1:49 p.m.

Outros temas de Picaraxadas