As chapas
Van aló moitos anos dende que Bahamontes gañara aquel Tour de Francia. Aquelas súas imaxes agardando nos curutos máis elevados polos outros ciclistas, para logo gañarlles sen compaixón, percorreran as pantallas dos televisores en branco e negro, mesmo as imaxes do NODO, previas á película que botaba aquel cine da vila. Alá vai tamén aqueloutro Ocaña que tiña como contrincante a Eddy Merckx. Foran famosos equipos ciclistas como o Superser e sobre todo o de refrescos KAS, que tivera a idea de chamar á atención con imaxes dos ciclistas máis afamados do momento, no interior das chapas. Tamén aparecían en chocolatinas da marca La Cibeles, que logo se pegaban en álbums, pero aqueles repetidos ou se trocaban con outros ou pasaban a engrosar os interiores das chapas, para xogar con elas.
Este xogo de chapas era coñecido en toda a Península, aínda que podían variar as regras do xogo. En Euzkadi eran coñecidas como txapak “txanpakuak” , iturris, piturris, txakapa, txapan, txapetan ou iturrietara e para xogar, cada xogador tiraba unha chapa contra a parede e o que máis cerca tivese a súa chapa daquela, tiña a posibilidade de lanzar as chapas de todos ao aire, quedándose coas que se presentasen de cara. En Portugal recibe o nome de caricas e en Aragón, platetes.
ASÍ SE FAI
En primeiro lugar, procedemos a recortar os cromos a medida do interior redondeado da chapa. Para que nos saian ben redondiños, podemos quitarlle a unha chapa esa peciña redonda que ten no interior, coa punta da navalla. Daquela colocámola á altura da parte superior do protagonista do cromo e recortamos por onde nos conveña. O seguinte paso sería axeitar o cristal. Para conseguir estes cristais, o que facían era reutilizar os vidros rotos das ventás. Tomaban a medida que lles cumpría e íanos recortando cun alicate, apertando polo bordo coa punta deste. Vanlles caendo os anaquiños en forma de po fino, ata que queda convertido na peza redonda desexada. Hoxe en día, a mellor maneira de conseguir estes cristais é acudindo a unha cristalería e collendo as tiras dos recortes dos cristais que nos dean a medida de 3 cm por outros 3 cm. Collemos o cromo recortado e metémolo na chapa, nin que dicir ten, coa cara para arriba. Poñémoslle o cristal encima e metémoslle, co dedo, ,masilla todo ao redor. De non termos a masilla, podemos empregar igualmente plastilina. De parecernos perigoso andar con vidro, tamén podemos utilizar como substituto o plástico transparente das tapas dos cadernos. Así só teriamos que recortalo a medida coas tesoiras e colocalo no sitio axeitado. Outra forma de facer as chapas máis simple, pero menos fermosa, é enchéndoas con cera derretida dunha vela ou coa mesma plastilina, mais perden a vistosidade e a personalización que lle dá o cromo. Para xogarmos, temos que facer un circuíto sinuoso, pintado na terra, cun pau ou con xiz, se o facemos en cemento. Podemos poñerlle obstáculos cantos queiramos. Sáese do inicio e hai que chegar á meta primeiro. Para desprazar as chapas hai que puxar co dedo corazón a un toque, que se produce ao soltalo do dedo polgar que o suxeitaba. Os distintos xogadores tiran por quenda, gañada cun primeiro tiro que debe facer cada xogador, para ver quen chega máis lonxe. O que máis lonxe chegou, é o primeiro, e así sucesivamente. De botárense fóra do circuíto marcado, deben volver comezar. Estas regras son orientadoras e poden variar segundo os acordos entre os xogadores. Tamén se teñen empregado estas chapas para xogar ao fútbol cunha pelota de garavanzo ou un bugallo pequeno.