publicidade hoxe

Vestido de folla de castiñeiro

vestido-folla-castineiroChegou a época estival e con ela os días máis longos e o tempo soleado. Isto significaba a posibilidade de aproveitamento de momentos mortos durante o día, coma o destinado á sesta ou descanso despois de xantar, previo á realización dos traballos típicos deste momento. Tamén é esta estación cando máis proliferan as festas e as romarías na nosa terra. Non había quen, chegada esta ocasión única no ano, non se coidase no seu aspecto externo. Poñíanse as mellores galas e acudíase ao barbeiro para cortar o pelo e acudir como é debido á celebración das festas patronais.

Isto tampouco pasaba desapercibido aos nenos e nenas, quen mentres os maiores botaban unha sesta ou os domingos cando se xuntaban uns e outros, aproveitaban para engalanarse coma se fosen para a tan devezada festa. Non só facían os citados vestidos de folla de castiñeiro, senón que tamén empregaban todo tipo de elementos vexetais para adornarse.

Este costume de adornarse e disfrazarse xa viña de tempos moi antigos. Na Antiga Grecia e en Roma os nenos colocábanse uns aos outros caretas e obxectos para imitar aos actores de teatro e aos grandes personaxes que os rodeaban. Este tipo de adornos vexetais tamén lembran aos que aínda hoxe empregan os pobos indíxenas tropicais, sobre todo na Polinesia.

Á parte de Galicia, tamén hai constancia destes costumes noutras zonas da Península, sobre todo nalgúns lugares de Euzkadi, onde facían isto mesmo con follas de carballo ou plataneiro, ademais de castiñeiro.

ASÍ SE FAI

vestido-folla-castineiro-materialMATERIAL: Un feixe de follas de castiñeiro, agullas de piñeiro e unha navalla.

TEMPO: 45 minutos.

ESTACIÓN: Verán.

vestido-folla-castineiro-paso-1
vestido-folla-castineiro-paso-2
vestido-folla-castineiro-paso-3
vestido-folla-castineiro-paso-4
vestido-folla-castineiro-paso-5

Comezamos facendo o que será o cinto do futuro traxe ou vestido. Para facelo imos cosendo unha folla derriba doutra, sempre chegando a punta da seguinte á metade da anterior.

Seguiremos ganduxando así sucesivamente, ata que nos dea o longo suficiente da cintura ou van da nena ou neno.

A seguir, cosemos pola parte de dentro do cinto tantas follas como para cubrir toda a lonxitude del. Estas follas deben ir cosidas pola parte do rabo, para que así penduren coas puntas cara abaixo, simulando a faldra ou saia. É este o momento de unir cinto e faldra, cosendo a última folla do cinto, meténdoa por debaixo da primeira.

Agora xa podemos facer os tirantes do vestido seguindo o mesmo proceso có de construír o cinto. Terá a lonxitude necesaria para que, unha vez cosido ao cinto, nos pase por riba dos ombreiros e volva engancharse por detrás das costas ao devandito cinto.

Hai que facer dúas cinchas de follas e unilas con outras atravesadas á altura do peito, para que non se despracen cara aos brazos e caian.

Pódense facer todo tipo de prendas seguindo o proceso de cosido, tantas como a imaxinación nos dea.

vestido-folla-castineiro-final

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 24 de Xuño do 2014 | 10:57 a.m.

Outros temas de Picaraxadas