publicidade hoxe

Estraloque de cana

canasÁ parte de valer tamén para escorrentar os paxaros, é obvio que se empregaba máis como instrumento musical popular para realizar certos ritmos. Ademais, ao ser doado de confeccionar e atopar o material para realizalo, facía que fose abondo socorrido para a troula conxunta.

Recibe tamén outros nomes ao longo da xeografía galega, canaveira, canivela, catraca ou tarabela, segundo nos indica Antón Cortizas. Nas Illes Balears denomínano castanyetes, picacanyes, castanyoles, tetena ou, simplemente, canya. Neste lugar é un instrumento moi antigo e tiña un sentido máxico, xa que se lle daba a facultade de espantar os demos e os malos espíritos así como a capacidade de provocar a chuvia. Non obstante, os nenos paseaban polos campos facéndoa sonar, para espantar os paxaros, segundo Joan Sans. En Euzkadi denominábano pla-pla, que adoitaba facerse máis a miúdo co talo do millo. En Catalunya eran coñecidas como castanyoles ou picacanyes. En Francia coñecíase como le claquoir.

ASÍ SE FAI

material-para-estraloque-de-canaMATERIAL:Unha cana con tres nós e duns 40 ou 50 cm de longo por uns 2 ou 3 cm de diámetro e unha navalla.

TEMPO:Unhamedia hora, aproximadamente.

ESTACIÓN:Verán ou calquera época do ano.

estraloque-de-cana-paso-1
estraloque-de-cana-paso-2
estraloque-de-cana-paso-3

Buscamos unha cana coas medidas mínimas, antes nomeadas. Amañámoslle os tres nós, para que fique ben lisiña e non nos fira nas mans á hora de a manipularmos. Por unha das cabezas, introducímoslle, con moito xeitiño, a navalla e fendémola pola metade ata cerca do nó, pero sen achegármonos a el. Nesta parte fendida, á beira do nó, facémoslle un corte perpendicular a xeito de bisel. Agora, máis ou menos, pola metade da cana fendida, entre nós, realizámoslle un corte e continuámolo ata a fenda perpendicular do nó. Seguimos rebaixándoa ata que nos quede, definitivamente, un grosor de medio centímetro. Xa estaría feita esta argallada sonora. Para tocármola podemos petar coa cana contra unha man e buscarlle o ritmo ou ruído que, se supón, queremos reproducir. Outro xeito que tamén se adoitaba realizar era pegándolle coa man libre á cana, ata facerlle vibrar á nosa maneira.

estraloque-de-cana

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Febreiro do 2016 | 5:41 p.m.

Outros temas de Picaraxadas