publicidade hoxe

Cadeira de Xunco

6_Cadeiras_de_xunco

1_XuncosEra ben común, por volta de mediados do século pasado, achar no seo das familias rurais unha cadeira pequena de madeira co asento feito de esparto. Empregábanse, sobre todo, para se sentaren as nais para darlle o biberón ou a teta aos nenos pequenos. Logo o seu uso foi aproveitado polos propios nenos porque, por razóns de estatura, víana máis axeitada para eles. Mesmo cando eran varios os pequenos da casa, había pelexas por se sentaren nelas. Ás veces coincidía que cando a querían, xa estaba ocupada por un gato para botar unha boa soneca. Cando xa ían indo moi desgastadas polo uso e abuso, eran recicladas para seren empregadas nas cortes de estrume, para muxir as vacas, pois cadraba moi ben para a altura do ubre destes animais e xustiñas para que a cabeza de quen muxía encaixase á perfección na sofraxe da pata de atrás da vaca, evitando así que se movese e se vertera o caldeiro do leite muxido ata entón, por mor dun couce.

Aos nenos tráenlles moitas lembranzas estas cadeiras, de aí que comezasen a construílas como parte do xogo das familias, sentando nelas monecos e monecas, tamén creados por eles.

Referencias: Portugal-cadeira de giesta aínda que en Madeira e Azores se facía con xuncos. En Bélgica-cadeira de gato. En Francia-cadeira de cuco.

ASÍ SE FAI

Marial: xuncos e navalla

Tempo: 10 min.

Estación: primavera e verán

2_Paso-1

3_Paso-2

4_Paso-3

5_Paso-4

Para facer a cadeira arrincamos unha ducia de xuncos o máis gordos posible. Collemos un xunco e dobrámolo a uns 25 centímetros da base e facemos outra segunda dobrez a uns 3 da anterior, de xeito que a forma sexa aproximadamente a dunha U. Métese unha das puntas mirando cara arriba entre o máis grandiño e o furabolos e a outra entre o pequeniño e o (anular) quedando a parte dobrada uns 10 centímetros por debaixo da palma da man. Collemos outro xunco e poñémolo na parte posterior da palma perpendicularmente a esta e por diante do xunco, dobramos as dúas puntas do primeiro por arriba do segundo quedando estas por entre os dedos. Collemos un terceiro e poñémolo paralelo ao anterior e repetimos o proceso, é dicir, dobramos o segundo por arriba do terceiro e así ata teren un total de 9 xuncos, apertando ben os dedos para que non se desfaga o conxunto. O último tamén se dobra como os anteriores. Para que quede a cadeira ben igualada poñemos un xunco cara un lado e outro cara a outro. Agarramos as puntas e as bases dos xuncos coa man libre, sacamos a outra de entre eles e viramos cara arriba o primeiro que colocamos que nos servirá como respaldo para a cadeira. Para rematar, entrecruzamos as puntas e as bases para que nos quede máis estable e atámolas, hai dous xeitos de facelo: o máis sinxelo é collendo un xunco e darlle varias voltas ó redor do feixe de puntas e bases a uns 3 centímetros do asento e facer un nó, e a segunda, un pouco máis complexa, é collendo un xunco coa punta cara arriba na parte de atrás do respaldo e dobrámolo a uns 2 centímetros do asento e a uns 3 máis cara abaixo dámoslle voltas ao redor do feixe e cara arriba ata a dobrez do xunco, metemos a punta pola dita dobrez e tiramos da base ata apertalo. Agora tan só nos queda cortar coa navalla as puntas sobrantes de todos os xuncos a 3 centímetros do nó e abrímolos un pouco para que a cadeira se sosteña de pé.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 11 de Xuño do 2013 | 6:34 p.m.

Outros temas de Picaraxadas