publicidade hoxe

Reque-reque

canas-para-reque-requeSe cadra, este brinquedo musical, en Galicia estea máis vinculado á zona sur de Pontevedra debido a que é unha zona na que abunda moito o material en que se facía, a cana, e tamén pola tradición do Norte de Portugal de empregala, aínda que, maioritariamente, realizadas en madeira. Temos achada algunha, moi curiosa, na comarca do Baixo Miño, feita en madeira, pero ademais por unha aprte funcionaba como reque-reque e, pola outra, como carraca. Isto afianza a teoría que no seu día indicara o profesor portugués, João Amado, de que este enredo empregábase, xunto coa rela (a nosa carraca) en cerimonias relixiosas para espantar os espíritos e tamén no Venres Santo, cando por mor da morte de Cristo, non se empregaban as campás para anuncio.

Tamén se coñece en Galicia co nome de reco-reco, o mesmo que adoita dárselle en Portugal. Nas Illas Balears tamén se utilizaba moito, pois, como dixemos anteriormente, é un lugar con moitas canas. Denominábase rec-a-rec de canya, rac-a-rac, xerrac, xorrac de canya ou bastonet, pero tamén os facían cunha cabaza seca (buito ou carabassa) ou con dúas táboas dentadas e cunha asa para agarraren, que denominaban rascador ou rigo-rago e sonall. Estes rascadores son moi típicos dos países de Centroamérica e de América do Sur, aínda que os materiais sexan distintos, sobre todo cabazas secas e reciben nomes como: güira, recoreco, güiro, guacharaca, güícharo, rayador, …

ASÍ SE FAI

material-reque-requeMATERIAL: Un tubo de cana, entre nós, e canto máis gordo e longo, mellor; un pau duns 30 cm de longo e 1 cm de grosor, que estea ben seco; e unha navalla.

ESTACIÓN: Calquera época do ano é boa.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns 30 minutos, aproximadamente.

reque-reque-paso-1
reque-reque-paso-2
reque-reque-paso-3

Unha apañado todo o material que nos cómpre, comezamos a acción. Cortamos o tubo de cana, deixando os nós. Alisamos un pouco os extremos, para non nos mancar ao agarrar. Cortamos tamén o pau, máis ou menos do longo do tubo, coa finalidade de quede un conxunto, máis ou menos harmónico. A seguir, facémoslle unhas fendas ao tubo, máis ou menos a uns 2 cm de separación entre eles e de medio cm de profundidade. De non termos navalla, podemos realizar as fendas igualmente cunha lima cadrada. De todos os xeitos, as medidas son orientativas, tanto en distancia, profundidade ou forma, e soará de diferente maneira de o realizarmos dun ou doutro xeito. Para accionalo, agarramos o tubo por un dos extremos e rabuñamos co pau e xurdirá un son que nos indica o porqué de chamarlle reque-reque a este humilde instrumento. Tamén se pode empregar como baqueta un tubo de cana partido pola metade, pero sobre todo se o instrumento é de madeira. Mesmo tamén se empregaba unha cana cortando dous tramos, dos que un servía como mango e o outro féndese en catro anacos lonxitudinais e ao rañar ou refregar contra a madeira fai un son moito máis estridente ou potente.

reque-reque

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 5 de Xaneiro do 2016 | 11:59 a.m.

Outros temas de Picaraxadas