publicidade hoxe

Animaliños de landra

landrasA representación de animais de diferentes formas e tamaños e con distintos materiais vén dende moi lonxe. Xa probablemente en épocas prehistóricas se facían pequenas figuriñas representativas de todo tipo de animaliños. Na Península Ibérica a cultura romana deixounos figuras de barro e arxila de ovellas, cabalos e outros animais, así como monecas mesmo articuladas. Estas pequeniñas esculturas están directamente relacionadas co que os máis pequenos observan diariamente na súa sociedade, daquela agrícola e gandeira. A imitación do que facían os seus maiores era case unha obsesión, neses devezos de ser coma eles, en definitiva, de medrar. Coa realización destas miniaturas voaba a súa imaxinación para montar pequenas historias que acontecían na vida cotiá. Alí aparecían vacas pacendo, ovellas, porcos nas eiras ou cortellos, cans, pitos, galiñas e parrulos ou mesmo cabalos e burros. Un dos materiais que empregaban, pola súa facilidade para ser traballado e moldeado con facilidade, eran as landras, aquelas que no alto estaban, ladróns vía vir; coa súa carapucha non podían fuxir. A cultura popular aludía claramente a cando os nenos as arrincaban do pai carballo para xogaren con elas. Por iso estas árbores xa estaban vixiadas, case desde comezos do verán, para ver se xa botaban os comezos do que ía ser a futura landra, porque “A landra que non se ve en maio non se ve en todo o ano” e isto pode cambiar os seus plans de futuro para xogar.

Todo este tipo de enredos de representación de animais é común en toda a Península Ibérica, aínda que pode variar o material empregado, en función do froito que ofrezan as árbores que alí existan.

ASÍ SE FAI

materialMATERIAL:Unha landra grande, unha landra pequena, catro pauciños, para as patas, duns 3 cm de espiño, madeira resistente ou escarvadentes; un pauciño de 3 cm para o pescozo; dous pauciños de 1 cm para as orellas ou cornos; un para o rabo de entre 1 e 3 cm e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Fins do verán e comezos do outono.

Collemos a landra grande e colocámoslle as catro patas, equidistantes. Para iso, debemos, previamente, furar o lugar onde queremos colocalas coa punta da navalla ou cunha espiña ou algo con punzón ou un escarvadentes. Deseguido procuramos a landra pequena e colocámoslle dous pauciños laterais, para as orellas. A continuación, na parte traseira da landra grande, espetámoslle outro pauciño e facemos o rabo. De querermos, podemos empregar os capuchóns das landras para facer comedeiros dos distintos animais. Pódense crear tantos animais como nos dea a imaxinación e a maña. Isto que acabamos de describir, sería un animal básico. Se queremos facer unha vaca ou boi, debemos identificalo con cornos e cun rabo dobrado cara abaixo un medio partido. Se queremos un can, pois podiamos pórlle a metade da landra pequena como cabeza, espetarlle unha orellas partidas ou caídas e unha lingua de fóra. Se, pola contra, desexamos facer un porco do país, pois podemos procurar unha landra grande, redondeada e gorda, para o corpo e un rabiño máis pequerrecho. De queremos unha ovella, ambas as landras deberían ser máis estilizadas e alongadas e con orellas baixas. En fin, debemos deixar voar o noso maxín, para gozar máis do momento.

animalino-de-landra-paso-1 animalino-de-landra-paso-2 animalino-de-landra
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Setembro do 2014 | 12:54 p.m.

Outros temas de Picaraxadas