publicidade hoxe

Muíño con coca de carballo

cocas

Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.

Así dicía a cantiga tradicional aludindo a aqueles devezos de estar coas mozas de parrafeo no muíño, mentres se agardaba pola fariña. Estas ansias poden ser comparables ás que tiñan os nenos por ver funcionar estas rodiñas na auga, lembrándolles aqueles contos e ditos que saían das bocas dos seus avós e que eles, con tanta atención e sorpresa, escoitaban sen pestanexar.

Estes trebellos eran coñecidos, non só en Galicia senón por toda Europa, aínda que podían ser de diferentes formas e maneiras, colocados vertical ou horizontalmente na corrente de auga. En Portugal chamábanlle rodízio de bugalhas, porque na punta das aspas poñíanlles uns bugallos e tamén moínho de água em cana porque as aspas eran de cana. En Francia coñecíase como moulin à eau ou roue à aubes.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Catro paus de salgueiro verde de 8 cm de longo e 2 cm de grosor, un pau de 12 cm de longo por 7 mm de grosor, unha coca grande, dous paus gallados duns 15 ou 20 cm e 1 cm de grosor, máis ou menos; un punzón ou arame e unha navalla.

TEMPO:30 minutos.

ESTACIÓN:Inverno.

muino-de-coca-paso-1
muino-de-coca-paso-2
muino-de-coca-paso-3
muino-de-coca-paso-4
muino-de-coca-paso-5
muino-de-coca-paso-6

Collemos un dos catro paus de 8 cm de longo por 2 cm de espesor e fendémolo ao medio. Ao rematar, estas dúas metades dividímolas outra vez noutras dúas iguais. Collemos as dúas láminas centrais e imos rebaixándoas, pouco a pouco, ata que teñan uns 3 mm de espesor e o longo e ancho do pau. Realizamos, a seguir, esta mesma operación cos outros tres paus restantes. Rematado este labor, xa temos oito láminas preparadas. Facémoslles un afiado en punta, por un dos extremos, a cada unha das devanditas láminas, ata que nos quede unha punta de enganche de 1´5 cm de longo e 0´5 cm de ancho. Con isto teriamos as oito aspas do muíño preparadas.

A continuación facemos o eixo. Agarramos o pau de 12 cm de longo e 7 mm de grosor e facémoslle un rebaixe ao redor a 1cm de cada extremo e de 1 cm de ancho cun fondo de 1 mm, para que encaixe á perfección no pau gallado. Ao finalizar co eixo, collemos a coca e, coa punta da navalla, facémoslle un pequeno buratiño no cu e outro na cabeza da mesma anchura có eixo Co punzón ou o arame, escaravellamos nese buraquiño, ata atravesala, para facerlle sitio ao eixe. Espetámosllo, centrando a coca xusto no medio del, debendo entrar xusto coa fin de que poida moverse ao pegar a auga nas aspas.

Para colocarllas, facemos un buratiño co punzón e espetámoslle, con coidado, a primeira aspa, que deberá ir perpendicular ao eixo. Repetimos esta mesma operación no lado oposto, coa segunda. A terceira e cuarta, tamén opostas, colocámolas xusto no medio das outras dúas. As catro aspas restantes espetámolas, dúas a dúas opostas, do mesmo xeito no medio das anteriores. Quédanos a coca con oito aspas equidistantes, para que funcione correctamente sen choutos que a acaben por desequilibrar.

Finalmente, aguzamos os paus gallados pola base e deixámoslles unhas gallas de 2 cm de alto, aproximadamente. Temos que buscar un regatiño axeitado e espetamos as gallas xusto á distancia do longo do eixo e poñémosllo enganchado nelas, tocando as aspas a auga. Coa forza da corrente comeza a funcionar a xeito de rodicio de muíño. 

muino-de-coca

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 8 de Xaneiro do 2018 | 5:22 p.m.

Outros temas de Picaraxadas