publicidade hoxe

Filloas de Couselo

5 (Filloas de couselo)

Era e é moi común, a mediados do inverno observar esta planta nas fendas das paredes e tellados, sobre todo de lousa, e rochas húmidas e sombrizas. De aí que na época do antroido sempre aparece para completar os menús que se adoitan preparar neste momento. As orellas, as roscas, as filloas, o lacón con grelos, a cacheira, a carne do porco, porque a matanza queda moi preto, indican o exceso, a enchente previa ao tempo de Coresma. Todo isto non pasa desapercibido ás olladas das nenas e nenos cando xogaban ás casiñas, onde se implicaban os membros dos dous sexos coma se fosen unha familia perfectamente estruturada, desempeñando cadaquén o seu papel. Unha vez máis, a imitación dos maiores e das súas tarefas, levados pola ansia de o seren tamén eles, vai ocasionar a aparición desta sobremesa que as nosas nais e avoas facían con agarimo nas tixolas ou pranchas de ferro untadas cun anaco de touciño, derriba do lume das lareiras. Os ollos dos picariños axexando e facéndoselles auga na boca, pouco a pouco ían papando unha a unha ata provocaren o enfado de quen as facía, porque nunca daba enchido a fonte das prezadas filloas.

Este couselo tamén é coñecido con outros moitos nomes por toda a xeografía galega. Pode ser designado como coucelo, couchelo, capelo, pucho das paredes, carrapucho, conchelo, embigo de venus, orella de frade, burete, cagapeidos, choupelo, couxelo, cauxillo, sempre baseándose na similitude con algún obxecto cotián.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Dúas ducias de couselos, o máis grandes que atopemos.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Final do inverno e comezos da primavera.

couselo1peq

couselo1peq

couselo1peq

couselo1peq

Unha vez procurados os couselos, escollemos un que teña o rabo longo e recto e colocámolo con ese rabo cara arriba, derriba dunha pedra ou apoio plano. Deseguido, collemos outro e, coa punta da uña, cortámoslle o rabo, ao tempo que lle facemos un burato no centro, xusto na intersección co devandito rabo ou pedúnculo. A continuación enfiámolo por ese buratiño, no rabo do primeiro couselo, sempre na mesma posición có anterior, é dicir, co envés cara arriba. Imos repetindo este mesmo proceso ata que enchamos todo. Dependendo da cantidade de familia reunida para a celebración, así faremos máis ou menos fontadas de filloas ou freixós. Á parte de filloas, noutras ocasións, estes couselos podían converterse en bistés con patacas ou con arroz, que se sacaba da propia gra do couselo, cando este espigaba, aló por volta de finais da primavera ou comezos do verán. Realmente era coma o porco, aproveitábaselle todo. Así, os propios rabos, desbotados inicialmente na primeira argallada, eran “reciclados” para simular chourizos ou as primeiras chanfainas ou chourizos ceboleiros. Mesmo a folla desta planta tamén podía simular o lombo do porco cando se pelaba co coitelo, ao sacarlle esa capa transparente que ten polo envés. Cando so rabos tiñan deformacións en forma de protuberancias inchadas, que era case sempre, podían transformarse, pola arte de birli birloque, en peitugas ou zancos de pito.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 14 de Maio do 2013 | 4:17 p.m.

Outros temas de Picaraxadas