publicidade hoxe

Panterlo

abeleiraEsta argallada recibe moitos nomes ao longo da xeografía galega, á parte do citado. Así pois, tamén é coñecido por cancherlo, canchenrlo, pesugo, cacifro, cacidro, canastro gaiola ou mesmo pantel. Aparece recollido no Onomástico etimológico de la lengua gallega de Martín Sarmiento, indicando este que despois de ler na Historia Ludrica de Balthasar Bonifacio, achou casualmente que podería proceder da voz grega Panther,pantheros,que era unha especie de rede para coller todo tipo de aves e animais. Segundo Sarmiento, tamén se introduciría no latín coa voz panthero e chegaría a nós a través dos romanos, que a denominarían co diminutivo panterulo, orixinando, definitivamente, panterlo.

En francés empregan a palabra pantière, en gascón pandéla /pandèle para denominara a unha especie de rede para cazar pombas nos cumes dos Pirineos. En Portugal coñécese este enredo como cacifro. Nas Illes Balears empregaban unha semellante, pero era cunha lousa que caía derriba do paxaro, denominábana llosa per caçar ocells. En Italia facían o mesmo e denominábana trappola per catturare gli ucceli, na zona de Castelmagno (Cuneo – Piemonte) denomínana quiapouira.

ASÍ SE FAI

material-para-panterloMATERIAL:unha ducia de varas de 1 m de longo 1 cm de grosor, unha variña delgada de vimbio ou salgueiro, por mor da súa flexibilidade, duns 75 cm de longo; outra variña un pouco máis grosa e, máis ou menos, da mesma medida cá anterior; arame dócil, un alicate e unha navalla.

TEMPO:1 hora, como mínimo, dependendo da habilidade de quen a faga.

ESTACIÓN:calquera época do ano.

panterlo-paso-1
panterlo-paso-2
panterlo-paso-3
panterlo-paso-4
panterlo-paso-5

Imos describir unha de moitas maneiras que hai de realizar un panterlo. O primeiro que debemos realizar é facer a escolla das varas máis grosas e cortar catro iguais de longo, duns 40 cm, aproximadamente. A dúas delas fendémolas polas cabezas nuns 5 cm. Ás outras dúas hailles que facer un rebaixe por ambos lados, tamén de 5 cm, para que encaixe ben na fenda das anteriores.

Encaixamos, logo, os rebaixes nas fendas, sobrepasando uns 3 cm cara a fóra. Collemos o arame e amarramos cruzado este encaixe e, a seguir, facemos o mesmo co oposto, deixando unha altura que consideremos que debe ter o conxunto. Realizamos o mesmo proceso coas dúas restantes. Collemos dúas varas, unha miguiña máis curtas cás anteriores, e colocámolas derriba das varas rachadas, por dentro dos arames e realizándolles, previamente, un rebaixe que coincida encima da vara que atravesan, para que asenten mellor. Temos que repetir sucesivamente este proceso, cada vez con varas máis curtas, ata chegarmos ao cume. Sería aconsellable que estas varas estivesen secas, porque no proceso de secado sempre acaban por afrouxar. Despois collemos a variña máis delgada, afiámoslle os extremos, dobrámola pola metade e introducímola en forma de uve por debaixo do panterlo e metemos eses rebaixes en cadansúa fenda realizada na primeira vara. O vértice dese uve debe sobresaír un pouco do conxunto.

Collemos unha vara de 50 cm, afiámola por extremo, facémoslle un encaixe no medio, plano cara abaixo e inclinado cara arriba, para que apoie o panterlo e, finalmente realizámoslle outro rebaixe no outro extremo, xusto ao revés do do medio. Agora só queda coller unha variña delgada de 80 cm, afiada por un extremo e polo outro en forma de cuña, e enganchala arriba no rebaixe da vara colocada anteriormente. Cando o paxaro se pousase nunha das dúas poliñas da vara en forma de uve, cae o panterlo enriba del, quedando atrapado. Para atraer a vítima deberemos pór no medio unhas sementes ou miguiñas de pan. Ás veces, xa se lles facía unha especie de carreiriño con grans de cereal dende o exterior do panterlo, facendo de guía que os levaba á trampa.

panterlo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 15 de Setembro do 2014 | 7:29 p.m.

Outros temas de Picaraxadas