Carro de fiúncho
Non canta na chá ninguén, Non hai canto tan fermoso: Manuel María |
Non lle pasou desapercibido o noso carro á alma do poeta chairego. Nel aparecen reflectidos o seu canto, asubío e dureza do seu eixo e todo o que significa para unha casa labrega. Non é estraño, pois, que a nosa literatura, popular ou non, se faga eco del nas súas cantigas e nos seus poemas.
Carros deste tipo e doutros materiais téñense rexistrado por toda a xeografía rural de Occidente, dende que fora importado, parece ser, da antiga Mesopotamia. Dado que o fiúncho é un material facilmente manipulable, mais bastante duradeiro, era moi empregado para a confección de diferentes argalladas. Algo semellante acontece na illa de Tenerife coa planta (Asphodelus aestivus) denominada gamona ou gamón, da que empregan as súas varas para a realización de diferentes brinquedos, entre eles o carro. Igualmente pasa nesta illa coa penca, tunera, nopal ou chumbera (Opuntia ficus-índica), da que se utilizaban as súas follas, unha vez quitados os pinchos, para facer todo tipo de xoguetes, pero sobre todo carros, camións, barcos e un feixe de animais da zona.
ASÍ SE FAI
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Deberiamos comezar pola confección das rodas do futuro carro, porque dependendo do tamaño delas, e polo tanto da casca de piñeiro que atopemos, así será despois o chedeiro ou o conxunto do carro. Daquela, collemos esa casca ou cascas de piñeiro, o mais grandes posible, e imos dándolle esa forma redondeada propia dunha roda, cun mesmo diámetro e grosor.
Agora temos que facer o chedeiro. Antes de nada, temos que calcular o longo, que será unhas tres ou catro veces o diámetro da roda, dende a traseira ata a punta da botoalla, cabezalla ou pinallo do carro. A seguir, botamos man doutros dous anacos do talo que teñan o longo de un bocadiño máis da metade do chedeiro, furámolos co pincho e espetámoslles as dúas espiñas correspondentes. De traspasar o ancho do talo, xa nos serve para empatar co seguinte. A parte dianteira cortámola en bisel e este serviranos de referencia para colocar o seguinte, chegándolle a punta á parte traseira do nomeado bisel. Realizamos este mesmo proceso outras dúas veces máis. Feito o chedeiro, pola parte de abaixo, colocados entre os dous talos exteriores na súa parte central, espetamos un talo duns 5 cm que nos cumprirán a función de treitoras, treitoiras, tratoras, dentoiras, apeladouras ou apeladoiras para suxeitar o eixe, coas súas respectivas rodas, ao chedeiro.
Apañamos, neste momento, a poliña recta de salgueiro, quitámoslle a pel e, antes de introducírmola nas dúas pezas anteriores, furamos co pincho as treitoiras e mais o centro das rodas. Pasámolas agora primeiro polas citadas apeladoiras e logo, finalmente, encaixamos sa rodas. Este eixo debe ficar moi xusto nas rodas e frouxa nas treitoiras, senón non rodará o carro. Imos agora coas partes que nos axudan a suxeitar o cargamento. Comezamos por facer aquela parte que nos permitía non só suxeitar senón tamén ampliar a carga e que se situaba na parte dianteira do chedeiro, referímonos á forcada, galla ou ranqueiro. Para facérmola, collemos aqueloutra póla delgadiña de salgueiro, pelámola e rematámola en pico, tanto para espetala xusto onde se xunta a cabezalla co chedeiro coma para que a carga se aguante mellor. Finalmente, só nos queda por facer e colocar os fungueiros, fueiros, fumeiros ou estadullos.
Daquela, collemos as pólas restantes e cortamos seis anacos de 10 cm, aproximadamente, quitámoslles a pel, afiámolas e espetamos estes fungueiros equidistantes nas pólas laterais. Non nos podemos esquecer para completar a acción, do tentemozo para manter en pé o carro e da chavella, para enganchalo ao xugo.