Casco de folla de castiñeiro
Este tipo de gorros ou cascos, aínda que poden variar as formas e tamaños, atópanse por moitos lugares, porque xa se sabe: “O sol, sen sombreiro, nin en agosto nin en xaneiro”. Así, en Portugal son moi coñecidos os denominados chapeus de folha de castanheiro ou capacete pero tamén os tiñan de folla de figueira ou de xunco e o máis habitual, común a toda a xeografía peninsular, de papel dunha folla dun xornal ou doutro tipo de papeis, máis ou menos duros. O chapeu ou gorro de xunco xa era coñecido no século XV no que hoxe son os Países Baixos.
Son bastante comúns nas zonas de castiñeiros da Península Ibérica. En Euzkadi, ademais de facelos con folla de castiñeiro, tamén empregaban o carballo e, máis modernamente, as follas do plataneiro. O máis importante era que o material utilizado fosen follas anchas dalgunha árbore, así o traballo rematábase antes e podíase comezar o xogo con máis premura, pois era do que se trataba, xogar. A forma podía ser esta ou outra semellante, tratando sempre de imitar algún dos seus heroes ou heroínas, ben fose de banda deseñada, cinema, tv, ou mesmo das imaxes recollidas nos libros de historia. Encontramos así cascos romanos, viquingos, celtas ou mesmo das diferentes guerras acontecidas no século XX. Onde estea a imaxinación, que se quite o resto.
ASÍ SE FAI
ESTACIÓN: Verán. TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha media hora. |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Despois de termos xunto o material correspondente, follas e a frouma dos piñeiros, comezamos por unir unha tira de follas, coséndoas en dúas vías coas agullas do piñeiro.
Debemos unilas sempre na mesma posición.
Uniremos tantas follas como sexa o perímetro da nosa cabeza, sempre calculando que se perde algo de largura ao iren unidas.
Chegados a este punto, cosemos a primeira folla coa última colocada, para facer unha especie aro.
A continuación, cosemos pola cara interior do aro catro follas co pecíolo cara abaixo e equidistantes entre elas.
Finalmente unimos as catro puntas das devanditas follas e xa estaría listo o noso casco.
Podemos engadirlle pola cara externa, no lugar que desexemos, unha folla, tamén en posición vertical.
Hai quen coloca as catro follas do casco co envés cara a fóra, dándolle unha fasquía diferente e orixinal.