publicidade hoxe

Grileira de Cana

Canas
3_Paso-1
5_Paso-36_Paso-47_Paso-58_Paso-69_Paso-8
10_Paso-9

Este tipo de gaiolas para diferentes tipos de insectos ou pequenos animais é coñecida mundialmente, aínda que vai depender do tipo de materiais disponibles. Nas Illas Baleares, denominábana gàbia de canya e, en vez de roda de táboa para fondo, tiña unha de cortiza. En Cataluña, chamábanlle gabieta de grills. No País Vasco, empregaban para este fin recipientes como caixas de mistos, de cartón ou botes de conserva con buratiños e denominábanas txolopote, aínda que moitas veces para levalos para a casa, utilizaban as txapelas ou panos. En Portugal, falaban de gaiola de grilo de cana e cortiça e podía levar no extremo do nó do tubo, un buratiño para colgala e tamén a rodiña podía ser de casca de piñeiro. Tiñan por costume facer outra gaiola de cabaza, na que levaban os grilos para seren empregados como engado para a pesca.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Un tubo de cana, o máis groso posible, que teña de longo uns 20 cm; unha táboa de madeira das caixas da froita, por exemplo; fío de cánabo e unha navalla.

TEMPO: 45 minutos.

ESTACIÓN: Comezos de verán.

Despois de atopado o tubo de cana grosa, cortámolo deixando os nós de ambos os lados, é dicir, cos nós incluídos no propio tubo. A este tubo pechado, por debaixo dun dos nós, atámoslle fortemente, dando varias voltas, arredor ata deixalo ben apertado, para que á hora de facer a grileira non nos esgace de máis e acabe por rompernos. Unha maneira segura de facer a atadura e, sobre todo bonita, é empregando o nó do aforcado. Para iso, primeiro debemos dobrar o fío e colocalo paralelo ao tubo contra o nó, deixando unha punta longa e outra curta. Poñemos o dedo polgar suxeitando o fío e a partir dese punto cara ao extremo do nó, dámoslle voltas ao redor ata chegar ao fin e rematamos introducindo a punta sobrante polo burato que queda na dobrez primeira do fío. Tiramos fortemente cara abaixo e xa está anoado. De non o conseguirmos, facemos outro tipo de atadura que nós saibamos, pero pensando sempre que debe quedar ben segura. No outro extremo do tubo, facémoslle unha fenda lateral que vai chegarnos ata esa atadura superior.Feita esta, repetimos o proceso a uns 3 mm desta e así sucesivamente, ata dar a volta completa ao tubo. Agora facemos rodiña coa táboa duns 5 cm de diámetro. Para marcala, podemos empregar un compás ou algún obxecto redondo que nos sirva de soporte, para facer unha circunferencia. Recortámola coa navalla e, se queremos que se nos aguanten ben os barrotes de cana na roda, debemos contalos e facer outros tantos encaixes na roda, equidistantes e non separadas máis de 5 mm entre si. Agora hai que ir encaixando na roda cada un dos barrotiños, con moito coidado de non rompelos. Feita a gaiola xa só queda buscar o penitente para ocupar tal estancia. Atopado o grilo, levantamos un dos barrotiños e introducímolo por aí. Podémoslle botar un anaco de leituga e poñelo ao sol ata que cante.

 
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 25 de Xuño do 2013 | 1:16 p.m.

Outros temas de Picaraxadas