Pipa de landra
Ben raro era que, no século pasado, non houbese ninguén que non botase un cigarro nas casas e se non nas dos veciños. Isto era o máis común e adoitaba ser copiado polos máis pequenos nos seus xogos conxuntos de as familias, as casiñas ou mesmo aos vaqueiros. Agora si, campar campaba ben máis, xaora, fumar en pipa. Cando, de cando en vez, aparecía pola aldea ou pola vila alguén botando ese fume engaiolante polo seu peculiar cheiro, os nenos quedaban abraiados e mesmo varados diante de semellante estampa. Habitualmente eran personaxes viaxeiros que viñan da cidade ou da emigración americana ou europea e que estaban afeitos a este xeito de fumar. Precisamente, polo raro que se facía velos, daba un aire de distinción a quen empregaba este modo de fumar. Daquela, os nenos foron introducindo nas súas formas de enredar este novo xoguete.
As pipas foron unha argallada que se leva confeccionado desde sempre, se cadra pola facilidade coa que se facía e o moito que campaba en moitos dos xogos de nenos e nenas. Os materiais que empregaban para a súa elaboración tamén foron moi numerosos e variados. Hai constancia de teren utilizado, á parte do carapucho da landra, cabaciñas, patacas, agullas dos piñeiros, piñas, canas, cocas, carozos de millo e mesmo caracois, é dicir, todo aquilo que lles lembrase a forma dunha pipa era susceptible de ser empregado como tal. Ata en Cataluña e Baleares facían as súas pipes d´aglà.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Un tubo delgadiño de cana, unha palla ou tubo de biouteiro ou sabugueiro, un carapucho dunha landra grande e unha navalla. TEMPO: 15 minutos. ESTACIÓN: Mediados ou fins do verán. |
Temos que procurar unha landra cun carapucho ben grande, canto máis mellor. Quitámosllo e facémoslle un buratiño nun lateral coa punta da navalla, simplemente para iniciar o buraco. Buscamos un anaco delgado de cana duns 7 ou 8 cm de longo. É preferible ir buscar a onde haxa canas vellas, porque botan unha poliñas delgadas que son ideais para este mester, tanto pola súa dureza coma pola súa, xa comentada, delgadeza ou sección. Collida a cana, cortamos un anaco que, entre nó e nó, nos dea uns 7 ou 8 cm de longo. Miramos se nos entra no buratiño lateral do capuchón da landra, previamente feito nun lateral e, de non ser así, imos xirando a navalla e agrandándoo ata que nos entre ben xustiña a cana, para que non se nos solte. Non nos debe pasar cara ao interior do capuchón máis ca o grosor da súa parede, para que nos quede sitio para botarmos o hipotético tabaco, que ben podía ser perfectamente folla seca e relada de pataca. Para xogarmos, só compre facer coma se fumásemos.