Pistola con pinzas de lavandeira
Xa van aló moitos anos dende que se collía o carro e se botaban as mantas e cobertores, sabas e sobrecamas en cestas de costelas, goxos de vincallo ou as típicas tinas de zinc e se pasaba toda unha xornada na beira do río ou dun lavadoiro dunha fonte ou rego. Era unha festa para os nenos e nenas que ían coas súas nais e podían xogar coa auga ata se chapuzaren e poñerse pingando coma sopas enchoupadas. Daquela viñan as rifas das incansables lavandeiras e poñíanos a tender as pezas de roupa polas silveiras, previa torcida para escorrelas, para que a carga de volta á casa fose máis lixeira e non lle pesase tanto aos arames ou cordas cando as colgaban coas pinzas de madeira, nas partes máis soleadas e aireadas das eiras.
Este mesmo enredo é moi popular en Francia, onde é coñecida como le pistolet à amorces ou na Provenza como lo pistolet d´amorça (que tiña unha especie de pequeno petardo que estouraba ao premer a pinza) ou le pistolet à élastique que é igualiña á nosa. Nas Illas Baleares chamábanlle escopeta de gafa, que era un anaco de madeira simulando a forma de pistola e coa pinza cravada arriba, que ao abrila, soltaba a goma e saía disparado o proxectil.
ASÍ SE FAI
Procuramos un pau con forma de pistola, ou que nola lembre, e axeitámola de maneira que a parte superior do canón sexa plana. Para conseguir que así sexa, coa navalla imos rebaixando ata que fique unha superficie plana por arriba. De ser unha madeira branda levaranos menos traballo axeitala, por iso é aconsellable o salgueiro, que ademais ten formas retorcidas moi aproveitables para facermos a pistola. Seguimos o proceso de refinamento, para que ao manipulala non nos magoe nas mans. Por outra parte, canto máis bonita quede, máis campa o enredo.
A continuación, cravámoslle unha puntilla no extremo do canón, deixándolle 1 cm de fóra. Esta devandita puntilla podía ser de alfinete, sen cabeza. Deseguido, collemos unha pinza de lavandeira e teriamos que desmontala.Unha das súas metades cravámola, con dúas puntillas de alfinete, pola parte plana, no cano da pistola, xusto derriba da culata. Unha vez cravada, volvemos montar a pinza. Quitámoslle o resorte á outra pinza que tiñamos e logo collemos a goma e enganchámoslla cun lazo a este, pola parte do arame retorcido. Esta sería a bala que disparamos. Para disparar só temos que premer no extremo da devandita pinza co dedo matapiollos e sae disparado, tanto a goma coma o resorte atado a ela. Este sistema é moi doado de accionar, porque se pode facer todo coa mesma man. Existe outra variante desta pistola, aínda que está máis popularizada a anterior. Collemos unha pinza de lavandeira e, xusto polo burato do resorte, cravámoslle unha puntilla, pero mellor de cabeza ancha, curta coma as de lousar, para que o resorte quede ben suxeito, que estea xusto por riba da culata. Á outra pinza quitámoslle o resorte e logo collemos a goma e enganchámoslla cun lazo a este, pola parte do arame retorcido. Xa teriamos a bala para lanzarmos. Para accionala, hai que poñer a goma enganchada na puntilla da punta do canón e tirar pola goma ata enganchar o resorte na pinza, pola parte que amarra a roupa. Ao apertar a pinza, sae disparado o resorte e a goma.