publicidade hoxe

Violín de millo

milloEste mesmo instrumento é atopado en Portugal co nome de rabeca de canoilo de milho ou tamén violino. En Francia denomínano le violon en maïs e mesmo, na Bretaña francesa, aparece outro violín de xunco, de xeito que dous nenos suxeitaban os extremos dun xunco entre os dentes, e outro facíalle vibrar a esta corda tensa cunha variña de abeleira. En Cataluña coñécese como violí de canonet de blat de moro. En Asturias poden chamarlle taracu, violín, violín de maíz ou vigulín de maíz, segundo Eugenio M. Zamora. En Brasil (Minas Gerais) aparece algo semellante segundo nos informa Levindo Diniz Carvalho, pero co bambú, denomínase violinha de taquara. Tamén o ka-txo-stê dos indios Ramkôkâmekra do Maranhão feito co talo do burití, unha especie de palmeira. En África atopouse algo semellante, o nkungulandi, en Moçambique (a rabeca do fandango). En Norte América hai constancia xa de algo semellante dende a primeira Guerra Civil americana, é o cornstalk fiddle. Polo Leste europeu, Serbia, Hungría gingara ou djecje guslice, cirokhegedu ou kucoricahegedu. En fin, isto demostra, unha vez máis a universalidade dos brinquedos.

ASÍ SE FAI

material-violin-de-milloMATERIAL: Dous anacos de talo de millo con tres nós cada un e un deles debe de ser o correspondente á mazaroca, pois esa parte é cóncava; un anaco da parte do pendón ou porreta do propio gallo de millo e unha navalla.

TEMPO: Unha media hora, aproximadamente.

ESTACIÓN: Finais do verán ou comezos do outono.

violin-de-millo-paso-1
violin-de-millo-paso-2
violin
violin-de-millo-paso-3
violin-de-millo-paso-4
violin-de-millo-arco

Comezamos por arranxar os dous nós da parte cóncava. Cortámolos ben perpendiculares e sacámoslles os restos da folla que puideran quedarlle. Feito isto, iniciamos o proceso de facer as cordas do violín. Para iso, introducimos a punta da navalla nunha das beiras do toco do millo e imos levantando ese nervio, con coidadiño de non o rompermos, ata chegar ao outro nó, pero deixando unha pequena marxe sen levantar. Deseguido, realizamos esta mesma operación co nervio do outro lado. Xa teriamos feitas as devanditas cordas do violín. A continuación, realizámoslle dous buratiños no extremo externo, para atravesalo despois cun anaco da porreta duns 5 cm. Para facer esta operación, debemos espetar a punta da navalla por un dos lados e logo volverlla a chantar a 1 cm e levantar ese bocado. Seguidamente, facemos isto mesmo pola outra banda. Xa poderiamos entón, espetarlle o devandito anaco de 5 cm. Posteriormente, cortamos outro cacho doutros 5 cm introducímolo atravesado entre as cordas, pero no extremo interior. Debemos levar a cabo este proceso con especial coidado porque as cordas poden romper con grande facilidade. Rematado o violín, iniciamos a confección do arco. Daquela, collemos o outro anaco do talo e, logo de limpalo como é debido, iniciamos a tarefa por levantar, coa punta da navalla, unha lasca entre nós, dun lado ao outro do toco. A continuación, coa mesma punta da navalla, realizamos tres cortes lonxitudinais nesa lasca, mais sen achegalas ata os extremos, por mor de posibles roturas. Despois, limpamos, con sumo esmero, por debaixo desas novas cordas todo o miolo que poidamos. Rematado isto, volvemos a cortar outros dous anacos da porreta, de 5 cm cada un, e introducímolos nos extremos para que fiquen tensadas esas novas cordas. Xa estaría preparado o novo instrumento para o seu uso. Agora que soe mellor ou peor xa é cousa de quen o manexe. Hai quen di que para un mellor funcionamento, podíase untar as cordas cunha miguiña de allo, para que faga un pouco de freo e rinche mellor.

violin-de-millo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 4 de Setembro do 2018 | 7:54 p.m.

Outros temas de Picaraxadas