Cacharros de casca de piñeiro
ASÍ SE FAIMATERIAL: Unha casca, redondeada e grosa, de piñeiro e unha navalla. TEMPO: 30 minutos. ESTACIÓN: Todo o ano. |
Se as semanas anteriores realizabamos barcos e lanchas coa casca do piñeiro, esta vez tócalle a quenda a algo tan común e cotiá como son todo tipo de cacharros que poden conformar a vaixela da cociña dunha casa labrega.
Os nenos e nenas vivían a diario na compaña destes prezados enseres que tiñan o significado da fartura cando se poñían derriba da mesa á hora do xantar ou da cea. Non obstante, a súa ausencia estaba unida aos momentos infelices da fame. Aínda que a dieta alimenticia fose repetitiva, caldo e leite, o feito de quentar os estómagos, devecidos por apañar algo para facer a dixestión, cambiáballes a cara cando vían aparecer as cuncas ou os pratos. Seguramente non preguntasen en que consistía o menú, senón que xa se daban por conformes con que houbese algo dentro deses recipientes.
Cando tiñan tempo e se xuntaban varios nenos e nenas, xa fosen irmáns ou veciños, conformaban familias e xogaban ás casiñas e a todo o que dentro delas se desenvolvía. Unha das actividades máis importantes era a xuntanza á hora de comer, momento en que se adoitaba comentar os problemas da casa e a organización do traballo que por diante se presentaba. Daquela os máis pequenos tamén se reunían no xogo e representaban fielmente estes momentos. Unhas veces realizábanos nas eiras das casas e outras no propio monte, debaixo dalgunhas cabanas que tiñan por costume construír, coma se dunha casa se tratase. Coas súas navallas dábanlle forma ao que por diante se poñía, ademais a casca do piñeiro tiña a vantaxe de que era doada de moldear e, despois de varias xuntanzas, xa ían tendo un importante número de pezas que reutilizaban noutras ocasións.
Este tipo de cacharros era común a outros lugares da Península e de Europa, aínda que, iso si, variaban os materiais que empregaban. Así podían ser anacos dos pratos que escachaban, pedriñas, follas de diferentes árbores, cachos de tellas rotas, …
Collemos unha casca de piñeiro imos dándolle unha forma redondeada, de xeito aínda bruto e pouco traballada. A continuación imos dándolle forma á futura asa ou agarradeira, e á propia cunca. Cando rematemos este proceso, comezamos co baleirado interior, procurando sempre que nos quede unha capiña externa de medio centímetro, porque de non ser así, rompería con moita facilidade, pois a casca fina é moi fráxil. Inmediatamente despois, facémoslle o burato á agarradeira, tratando de redondeala. Xa estaría feita a cunca, que podería estar acompañada do seu correspondente prato.
Para conseguilo facer, cómprenos unha casca máis ou menos plana. Deseñamos unha rodiña de 2 cm de grosor e un diámetro conforme sexa o cu da cunca. Imos dándolle xeitiño de prato, realizándolle o baleirado que nos faga falla, para que asente ben a devandita cunca.
De querermos seguir completando a vaixela, podemos realizar vasos, xerras, pratos de diferentes medidas, pequenas pratas ou fontes e mesmo culleres. Vai depender moito da imaxinación do neno ou nena e da maña que se dea para facer tales utensilios de culinarios.