publicidade hoxe

Andacamiños de Lata de Conserva

  andacaminhos_final

Lonxe quedan aquelas primeiras conserveiras que se instalaron na nosa terra a comezos do século pasado. Aquelas que significaron non só a posibilidade de traballo para unha grande cantidade de mulleres da beira do mar, senón tamén a oportunidade de poder almacenar, sen estragarse, aquel peixe que non se vendía para consumo en fresco. Envasábano nunhas latas redondas e grandes para logo engraxaren as gorxas das familias. Ese aceite das pandeiretas de sardiñas, que deixaba enchoupado o pan ata que escorregaba lubricando os dedos das mans dos esfameados nenos e nenas, nunca era desperdiciado, senón que o chuchaban ata deixaren as falanxes limpas e suaves. Pero á poboación infantil abríuselle un campo lúdico importante, pois significou a aparición dunha roda lixeira e xa case preparada para ser empregada nas carreiras cotiás que xurdían en calquera momento do día. Nin sequera miraban para atrás cando se poñían a correr con aquela roda ruidosa, que case daba lume cando topaba coas pedras e croios que inzaban os carreiros e camiños. A lata campaba máis cá madeira, non pasaba desapercibida por onde pasaba.

Tamén era este invento moi coñecido, iso si, con diferentes feituras e formas, dependendo unha miguiña do material que os nenos tivesen ao seu dispor. Así, en Euzkadi era coñecido como gurpila ou txirrinkea e nalgúns lugares empregaban, en vez de latas das sardiñas, as de xalea real, denominadas parrantolea. Ás veces empregaban as latas redondas de marmelo e chamábanlle ao xoguete birinbola ou parrantola. Tamén nos lembra as corrúpias, carroulas ou carretas de Portugal. No Brasil atópase co nome de carrinho de lata doce.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha lata redonda das sardiñas, un pau duns 90 cm de longo e 2 ou 3 cm de espesor; unha punta de lousar ou pisar, porque teñen a cabeza grande; un martelo e unha navalla.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Primavera ou outra calquera.

Andacamiños Paso 1
Andacamiños Paso 2
Andacamiños Paso 3

En primeiro lugar, buscamos unha lata redonda e imos machucando os bordos cun martelo, coa finalidade de non cortarnos ao xogar con ela. Cravámoslle unha punta xusto no centro, para facerlle un burato. A continuación, procuramos un pau duns 90 cm de longo e imos, coa navalla, adaptándoo ao noso gusto, é dicir, podemos labralo con deseños, pelarlle a empuñadura e mesmo facerlla máis fina, etc. Tamén podemos facerlle un rebaixe no extremo de abaixo ata que quede máis plano e que asente mellor contra a lata, aínda que non é necesario. Collemos a lata e asentámoslle o cu derriba do pau e, a uns 3 cm do extremo, cravámoslle a punta dende dentro da lata cara a fóra. A punta sobrante tratamos de ir dobrándoa, de xeito que non se fenda o pau. Para iso podemos ir tocándoa pouco a pouco cun alicate e dándolle co martelo. Para xogar con el hai que agarrar o mango polo extremo superior e … ¡lume cara a diante!

 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 18 de Xuño do 2013 | 3:29 p.m.

Outros temas de Picaraxadas