publicidade hoxe

Escopeta de Pau

6-Escopeta-de-pao

As detonacións estridentes das escopetas dos cazadores, igual có son dun foguete afastado nunha romaría de montaña, estimulan o ouvido dos nenos e as conseguintes ganas de emular tales situacións. Se a isto unimos aqueles trofeos que os cazadores traían colgados nos ombreiros e amarrados nunha panca, para pediren polas casas por teren salvado os galiñeiros dos veciños da ameza da raposa, a imaxinación es as ganas dos nenos por faceren algo semellante comezaban a voar. A miúdo tiñan que conformarse co ruído sen chegaren ás noces, de aí que comezasen por construír pequenas escopetiñas de pau, inofensivas pero que os axudaban a matar o bicho que por dentro os roía por non poderen articular unha de verdade, como eles as denominaban. Acababan por realizar competicións de puntería a pequenos obxectos ou a ver quen era capaz de lanzar o pequeno proxectil máis lonxe. Os menos hábiles para facer este invento, conformábanse con disparar a carabuña dalgunha froita que maduraba nese tempo, coma as cereixas ou guindas.

Atopamos unha escopeta semellante noutros lugares, aínda que o material pode variar. Nas Ilas Baleares tiñan por costume realizalas en cana e, se estaba seca, facía unha detonación seca semellante ao dunha escopeta. Denominábase escopeta de tronquets. En Cataluña tamén facían este mesmo tipo de escopeta de cana, mais adoitaban redondear unha miguiña o proxectil, para que esvarase mellor ao disparar, e atábano cun fío de cánabo para non perdelo. A esta púñanlle o nome de escopeta de canya. En Francia chamábanlle lance bûchettes, que era un lanzador de pequenas esteliñas ou pauciños e estaba feita na mesma madeira cá nosa escopeta.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Un pau de salgueiro verde duns 20 cm de longo por 1´5 de groso, un pau de 5 cm e 0´5 de groso e unha navalla.

TEMPO:10 minutos.

ESTACIÓN: Todo o ano.

1-Salgueiro-escopeta-de-pauescopeta-de-pao-paso-1 escopeta-de-pao-paso-2 escopeta-de-pao-paso-3

Cortamos perpendicularmente un pau de 20 cm polas dúas partes. A seguir, fendemos unha das cabezas ata xusto o punto máis intermedio, é dicir, ata uns 10 cm.  A continuación deseñamos o futuro proxectil co pau de 5 cm, cortándo perpendicularmente polas dúas

cabezas. Xa teriamos preparada a nosa escopeta de pau.

Para disparar, abrimos as gallas do pau longo e introducimos perpendicularmente o pau pequeno no medio. Apertamos as dúas partes do pau e sae disparado o pauciño pequeno, ao tempo que fai un pequeniño ruído. Se deste xeito non disparase, inclinamos un pouquichiño o pau de 5 cm e vólvese a apertar co dedo polgar. Emprégase o mesmo sistema de disparo que se lanzásemos unha carabuña dalgunha froita apertándoa cos dedos matapiollos e furabolos.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 6 de Setembro do 2013 | 3:32 p.m.

Outros temas de Picaraxadas