publicidade hoxe

Cabalo de folla de millo

millo follato-de-millo

Que o cabalo é importante na tradición e na cultura galegas non cabe dúbida ningunha. O que pasa é que non calquera podía ter un cabalo, pois eran e son moito máis comedores cós burros. Deste xeito, ter un exemplar deste calibre concedía, cando menos, distinción, economicamente falando, a quen o posuía. Isto non pasa desapercibido no refraneiro galego nin aos ollos dos nenos. Así: “Cabalo grande, ande ou non ande”, “Cabalo que voa non precisa espora”, A cabalo vello, pouca ferralla e moita cebada”, “O cabalo e a muller a ninguén se han de ofrecer”, “O que ten bo cabalo, ten que saber montalo”…Mesmo tamén se acordan del as adiviñas:

“Téñocho gordo,
máis o quixera,
anque entre as pernas,
non me collera”.

Esta mesma adiviña aparece recollida en catalán, o cal significa que non só en Galicia tiña especial importancia a posesión dun cabalo, senón que tamén noutras culturas peninsulares ou non.

“Ben alt i gros el voldria,
entre camesme´elposaria;
ben dret que anés
mentre no es desboqués”.

Este cabalo de follato galego, tamén aparece noutras culturas, aínda que a súa construción sexa realizada noutros materiais propios de cada zona concreta e, dende logo, coa imaxinación sempre presente. Agora que, se algo destaca na súa representación, é a crina. En Polonia, por exemplo, empregaban moito o trenzado de xuncos; en Hungría, os cabaliños feitos de póla de salgueiro; en México, de palla; e os de moita sona xaponeses, que os facían con palla de arroz. Destacan os de Yamaguchi, Suwa, Kashiwa, Nagoya ou os de Hanamaki onde cando os nenos querían formular un desexo, levaban un par destes cabaliños ao templo, sen seren vistos. Se o desexo se cumpre, deben volver por eles, pórlles uns axóuxeres e unha cintas e devolvelos ao templo outra vez, sen seren descubertos.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha presada de follas de millo, fío de cánabo e unhas tesoiras.

TEMPO: Unha hora, pouco máis ou menos, dependendo da habilidade de cadaquén.

ESTACIÓN: Outono, coa recolleita e esfolla do millo.

 

cabalo-de-follato-paso-1
cabalo-de-follato-paso-2
cabalo-de-follato-paso-3
cabalo-de-follato-paso-4
cabalo-de-follato-paso-5
cabalo-de-follato-paso-6
cabalo-de-follato-paso-7
cabalo-de-follato-paso-8
cabalo-de-follato-paso-9

O primeiro que debemos confeccionar son as patas, pois son os elementos fundamentais para a mobilidade do animal. Seleccionamos oito follas o máis igualadas posible e enrolamos dúas delas coas puntas cara a fóra e superpostas uns 3 cm. Por encima destas enrolamos outras dúas, do mesmo xeito, e amarrámolas polo medio e nas puntas. A continuación, repetimos este mesmo proceso para confeccionarmos as outras dúas patas. O seguinte paso, sería realizar a armazón do resto do animal, cabeza, pescozo e corpo. Apañamos catro follas grandes que, cando menos, unha delas teña a parte ancha unha miguiña revirada cara a dentro, para conseguir que os beizos do cabalo adquiran unha semellanza máis próxima á realidade. Collemos unha desas catro follas e, por derriba desta, enrolámoslle a folla revirada. A uns 12 cm enrolamos outra folla e, de considerármolo oportuno, facemos o mesmo con outra. Atamos este conxunto, para que non se desfaga, a esa mesma altura. A uns 4 cm do extremo revirado dámoslle unhas voltas co fío de cánabo e anoamos fortemente, deixando fío sen cortar. A 1 cm e medio dese nó, dobramos e damos unhas voltas de fío, ben apertadas, para marcar a diferenza da cabeza co pescozo. Para facermos esta parte, imos enrolando o fío en espiral ata a seguinte atadura, que onde comezaría o peito do cabalo. Comezariamos agora a montaxe das patas dianteiras do equino. Escollemos as máis delgadas, deixando as máis grosas para as traseiras, como é evidente. Situámolas, centradas, enriba do seu lombo, xusto no remate do pescozo. Dobrámolas cara abaixo e atámolas axeitadamente, de maneira que nos fiquen ben suxeitas e paralelas. Seguidamente, atamos o resto do tronco do mesmo xeito que fixemos co pescozo. Montamos as patas traseiras igual ca fixemos coas dianteiras. Dobramos por riba delas a parte sobrante do tronco e atamos todo o conxunto. Como o seu aspecto é famélico, debemos engordalo poñéndolle tantas capas de follas como creamos conveniente ata que o seu aspecto sexa a dun cabalo galego robusto. Para que se suxeiten, tamén teremos que darlles voltas co fío, ben apertado e anoado. Por cuestión estética, coa fin de que non se vexan todos estes entrelazados, debemos tapar cunha folla grande, colocada a xeito de albardón e cunha atadura por diante e atrás de ambas patas, dianteiras e traseiras. Feito o groso do corpo, só quedan o rabo e as crinas. Para a elaboración destas últimas, temos que facer unha tiras estreitas de follato. Este labor é moi sinxelo, pois por mor de teren as fibras ao longo, son moi doadas de romper coa punta da uña e tirar por elas. Anoamos o fío xusto na atadura da cabeza co pescozo. Collemos tres ou catro destas tiras, colocámolas enriba do pescozo coa metade encima do nó que vimos de facer. Atamos. Dobramos e repetimos esta acción ata chegar con estas tiras ata o inicio do lombo do cabalo. Para rematarmos o rabo, comezamos por facer un nó ao comezo deste contra as cachas e dámoslle voltas ao fío, en espiral, cara abaixo uns 2 cm. Volvemos cara arriba e anoamos. Collemos as tesoiras e recortamos as puntas das crinas e do rabo. Finalmente, abrimos en tiras o resto do rabo sen atar e xa teriamos o cabalo listo para xogar.

cabalo-de-follato

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 24 de Outubro do 2016 | 6:27 p.m.

Outros temas de Picaraxadas