Chiribicocó
A este argallo tamén se lle chama carrizo porque lembra polo seu son e, dependendo da pericia que se teña para manipulalo, pola repetición de golpes contra a cana ao trino ou cantar do devandito paxaro, coñecido como carrizo ou carriza. É un dos paxaros máis pequenos de Europa e canta mesmo no inverno. É da familia dos Troglodytes troglodytes. Por iso, á parte da súa primordial función de repetir diversos ritmos coma unhas castañolas e para acompañar outros instrumentos, tamén se podía empregar como reclamo e realizar pequenas conversas con estes paxariños piadores e buliceiros. Esta última función facíalles tanta ou máis graza aos pequenos coma a propiamente musical, pois poder falar cos paxaros non o facía calquera. Á parte destes dous nomes, segundo constata Antón Cortizas no seu Tastarabás, recibe o de federicocó. E tamén podía facerse con chapas de lata das botellas de refrescos e como batedor, un escarvadentes ou unha punta pequena.
En Portugal era coñecido como treco-lareco, grilo ou estaladinhas; nas Illes Balears, denominábano castanyeta de canya, mais en Eivissa, chamábanlle calatrac; en Francia coñécese algo semellante, aínda que feito cunha noz, le cri-cri ou le cliquet, lo bartavel, na Occitania. En Euzkadi, a isto coñecíano por txepetxa (así se denomina o paxariño en euskera) e o xogo txepetxatara.
ASÍ SE FAI
Collemos o tobo de cana de 20 cm, alisámoslle os bordos, para que non nos fira nas mans. Tratamos de realizar un corte transversal a dous centímetros de cada extremo e 1,5 cm de ancho. Conseguimos con isto que ao fender a cana lonxitudinalmente, non nos abra ata o nó, correndo o risco de derramala.
Deseguido, facémoslle o devandito corte lonxitudinal, deixándolle 2 cm de distancia con cadanseu nó do extremo. Agora seguimos sacándolle outros bocados lonxitudinais ata que nos fique un oco duns 16 cm de longo por 1,5 cm de ancho. Dividimos o oco anterior en catro partes de 4 cm cada unha e facemos unhas fendas nesa marca, para que ao atarmos o fío, non esvare.
Agora, collemos o outro tubo de 10 cm e fendémolo lonxitudinalmente en dúas metades e logo noutras dúas. Quédannos catro pezas para facermos tres lingüetas, cunha de sobra por se erramos nalgunha delas. Farémolas duns 8 cm de longo e menos de 1,5 cm de ancho, para que caiban folgadamente dentro do tubo longo. Debemos rebaixalas pola cara interna, para que soen mellor e esvaren con maior facilidade, ata deixar unhas lingüetas ben finas e puídas. Collemos o fío de cánabo, dámoslle dúas voltas ao redor das primeiras fendas, colocamos a primeira lingüeta e damos outras dúas voltas ao redor e, finalmente, anoamos as dúas puntas e cortamos o fío.
Para rematarmos a faena, só nos cómpre tirar pola lingüeta un pouco cara atrás e ir dándolle voltas, ao sentido contrario das agullas do reloxo, ata que fique ben tensada, tendo en conta que debemos desprazala con cada volta que lle deamos. Debemos repetir esta acción con cada unha das outras que nos faltan, iso si, unha a unha. Para manipulalo, debemos premer con golpes dos dedos sobre as lingüetas, que ao golpear na cana, producirá sons.